Tinerhir: escenario neolítico

tinerhir 1Xerardo AgraFoxo. Emigraron os rabaños e os vexetais diminuíron. Comezara un traumático cambio climático e a vida cotiá só era posible nalgúns oasis. A nova época provocou a conversión da economía de subsistencia, baseada na caza e na depredación, noutra apoiada na agricultura e a gandería. Así abrollaron as primeiras cidades: aldeas nas marxes de correntes naturais, casas de adobe cinguidas de muros, almacéns de grans e cortellos para animais. Coa nova era tamén xurdiu un método para organizarse: a escritura. Sucedeu hai milleiros de anos nas terras do Kurdistán e Mesopotamia. Se queres contemplar escenarios naturais semellantes –se queres ver… e soñar!– non precisas desprazarte a territorios tan afastados. Tinerhir é unha oportunidade excelente para viaxar no tempo.  A través das súas paraxes poderás imaxinar como era a vida daqueles homes e mulleres que ergueron os alicerces das primeiras civilizacións urbanas.Tinerhir 2 Tinerhir é un ronsel de oasis construídos a carón dun manancial feble, con casas tinxidas coa cor vermella ocre do deserto e palmeiras tan xenerosas e estilizadas que medran por enriba dos socalcos veciños. Un espazo ameazado polo clima árido sahariano, con poboados asolados pola erosión e humildes labregos que falan unha lingua –o tamazight– tan enigmática coma a daqueles cidadáns do Oriente Próximo. Soamente sobran algunhas mesquitas.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *