X. Ricardo Losada. Safranski responde a pregunta que dá título a este libro analizando, cunha enorme capacidade de síntese e suxestión, autores como Rousseau, Kleist, Nietzsche, Sócrates, Descartes, Kant, Freud ou Kafka, nos que vida e obra estiveron moi emparentados, e situación históricas nas que, por medo á liberdade, os individuos esconderon a súa subxectividade tras conceptos abstractos como Raza, Clase, Patria, Deus: a Idea platónica, a Obxectividade da ciencia moderna, o Pobo dos totalitarismos, o Diñeiro do consumismo. A conclusión é clara. Se os individuos intentamos ser a toda costa coherentes coas grandes verdades (propias e alleas), acabamos sendo escravos delas.
A proposta de Safranski, que debería ser de obrigado cumprimento para todos os demócratas, é que cada un de nós viva en dous mundos con ámbitos de verdade distintos. Por un lado, o cultural, no que todo vale sempre que se revista desa ironía e distanciamento –liberdade- necesarios para que non sexamos vítimas das propias entelequias. Polo outro, o político, no que só sería válido aquilo que, por respectar a liberdade do outro, se acepta por consenso. Necesitamos tanto as verdades cálidas e intrépidas da cultura como as frías e útiles da política. Pero a clave, sinala Safranski con gran clarividencia, é que, a nivel particular, separemos eses ámbitos co fin de evitar tanto unha cultura insípida (pensemos nas presentacións de libros) como unha política intrépida (pensemos nas subvencións dirixidas). Só así o individuo será libre para crearse a si mesmo. Aquel bíblico “A verdade faranos libres” transmuta nun ilustrado “A liberdade faranos verdadeiros”.
En resumo, unha política que renuncie a aplicar as (grandes) verdades de filósofos e poetas, e se guíe por esas “verdades insípidas” que unicamente aspiran a mellorar as condicións de posibilidade dunha convivencia libre e pacífica.

Unha política que considere bo político a aquel que sabe negociar a paz no campo de batalla das verdades sen combater con verdades transcendentes, e bo cidadán a aquel que vixía e esixe a cotío respecto a unhas regras de xogo que deben permitir que cadaquén descubra ou invente a súa verdade vital.
Safranski non escribe como un erudito esotérico pero, para disfrutar este libro, o lector necesitará unha visión de conxunto ben estruturada da historia das ideas. E algo máis importante: estar disposto a convencerse de que se non abandona, por moitas razóns que lle dean, algunhas das súas conviccións máis profundas, o máis probable é que non chegase a elas racionalmente.