Román Arén. Os libros resucitan, podemos dialogar cos mortos. Editada en 1824, esta novela foi recuperada en Francia en 2007 cun grande éxito, xa que conseguiu máis de cen mil lectores. Constance de Théis, princesa de Salm polo seu segundo matrimonio, coñecida como a Musa da razón, educada nos principios da Ilustración e famosa a finais do XVIII pola súa ópera Sapho (1794), con música de Martini, e pola Carta ás mulleres de 1797, comezou a composición desta novela en 1804, en pleno primeiro romanticismo, no ronsel da figura literaria paralela á súa, Mme. de Staël, que tamén comezou a andaina intelectual co espírito do XVIII para converterse en teórica romántica e en iniciadora da novela autobiográfica, a novela do eu, non sempre en primeira persoa senón tamén en clave analóxica en terceira persoa. Así Delphine (1802) da Staël, forma grupo con esta novela, a carón do magnífico Oberman (1804) de Pivert de Sénancour, un libro abismal para Unamuno, o Adolphe (1806) de Constant e a Corinne da Staël (1807). No segundo Romanticismo seguiron esta pegada Stendhal, sobre todo na Vida de Henry Brulard (1836), A. de Musset, George Sand, Fromentin e o Saint-Beuve narrador.
Formalmente é unha novela epistolar, na tradición de Richardson, Rousseau ou Laclos, pero o estudo da interioridade a partir dos ciúmes, remite a Mme. de la Fayette, a Prévost, a Xavier de Maistre e a Rétif de la Bretonne, pero o seu camiño leva a Proust, a Margarigue Yourcenar no Alexis e ao Zweig de Vinte e catro horas na vida dunha muller, sen esquecer o Butor de A modificación (1957). Do libro sorprende a redución temporal, ben calculada, a fonda sensación do decorrer do tempo, as reflexións de grande modernidade (“O amor corrómpeo todo”), a negativa a identificar muller con sentimento, pois a razón é para todos, por riba das convencións no remate da obra. Limpidez de estilo neste “estudo sobre o corazón dunha muller”. Como en Jane Austen importa máis o cómo que o qué. O amor non é unha condición inevitable da vida, é unha circunstancia, a miúdo unha desgraza.