Unha cousa que non sabías da tristeza

fetoX. Ricardo Losada. Dinme algúns amigos que dous dos meus últimos artigos son un pouco tristes, pero non estou de acordo. É certo que falan dun irmán morto, pero un deles di que se escondeu e que algún día meus pais o descubrirán, e o outro que a proximidade da morte fainos mellores persoas. Non hai tristeza por ningunha parte. E, se a hai, non é esa tristeza que se alimenta dun mesmo, consumíndoo, senón esa outra que te anima a gozar máis aínda a vida. É ese tipo de tristeza que provoca iso que eu chamo bágoas boas, pois, como sucede co colesterol, hai bágoas boas e malas (e neutras, como as de crocodilo, pero non quero enlearme). As malas deprímennos, as boas fannos sentir mellor: se nos fixeran sentir peor, non chorariamos.

Sei que a moita xente esa distinción entre bágoas boas e malas pareceralle filosofía barata. Só hai bágoas malas. Pero vou demostrar non só que existen bágoas boas, senón que tamén xeran sorrisos bos, porque os sorrisos tamén poden ser bos e malos (e neutros, como os da hiena, pero non quero enlearme). Así, se comecei este artigo falando de algo triste, a morte, rematarei contando algo sobre a súa antítese, o amor. E, como pretendo facelo con humor, non me queda outra que reducilo a sexo.

????????????????????????????????????????????????Onte vin en internet unha charla de Mary Roach, especialista en divulgación científica, titulada Dez cousas que non sabías do orgasmo, na que conta o caso real dun médico que veu nunha ecografía como un neno se masturbaba no útero materno. Mostrou dúas imaxes. Nunha, man e pene separados, na outra, o pene, como dicía Quevedo, amancebado coa man, dálle que dálle. Farei a cita en inglés para ter máis credibilidade, pois seguro que a algún lector, por puritanismo ou idealización da infancia, lle parecerá inverosímil: “The hand grasping the penis in a fashion resembling masturbation movements”. A cuestión é que aquel acto recordoume uns cursos que programara a Xunta de Estremadura para ensinarlle a masturbarse aos púberes de 12 anos. A min parecérame unha idea absurda, pero agora, vendo as imaxes desa (erótica?, pornográfica?) ecografía, cambiei de opinión. Nunha ecografía tamén se pode ver como os nenos tocan o bombo da barriga materna cos pés (música celestial para os pais), pero non por iso imos deixar de ensinarlles que, fóra do útero, tócase coas mans e seguindo unhas pautas. Acaso non lle ensinamos tamén a limpar os dentes? Pois ídevos preparando. hombre-llorandoNesa mesma charla cóntase o caso dunha muller que acada o orgasmo cada vez que os limpa. Fartei de rir só imaxinándoo, pero cando Mary Roach dixo que chegaran a comprobar que o acadaba con todo tipo de marcas de dentífrico, as miñas gargalladas oíanse a quilómetros de distancia. E xa non vos digo cando apostilou que estaba segura que a hixiene dental desa muller había de ser extraordinaria. Case me dá un ataque.

Era tal o estrondo que a muller veu correndo desde o outro lado da casa, estrañada de oírme rir de semellante maneira, tendo en conta que meu irmán morrera había pouco. Cando a vin comprendín a súa estrañeza e, nun brevísimo instante, souben que ía cambiar gargalladas por bágoas. Que digan os incrédulos se boas ou malas.

2 comentarios en “Unha cousa que non sabías da tristeza

  1. Gústame a túa reflexión. Levaba días pensando se facer ou non este comentario. Primeiro, porque somos case sempre os mesmos os que os facemos. E logo, porque temo, ademáis de superficial, ser un pouco pendante. Co que quería responder (ou complementar) é un anaco dun poema de Wallace Stevens. Reza así: “La muerte es madre de belleza; de ahí que solo ella/ Pueda hacer realizables nuestros sueños/ Y nuestros deseos, aunque nos esparza/ Hojas de destrucción por los caminos…” Talvez nin sequera veña a conto. Saúde e sorte.

    1. Non creo que citar un poema sexa un acto pedante, menos aínda nun blog coma este. Son uns versos, ademais, moi apropiados, que un sente en toda a súa intensidade cando vive en primeira persoa as vivencias que expresan. Ler e escribir non ten, para min, outro sentido, e por iso agradezo moito o comentario.
      Apertas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *