Xerardo AgraFoxo. Esta pequena novela publicada no ano 2002 por Toxosoutos –cunha tradución de Olga Patiño– converteuse no seu día nun dos referentes da moderna literatura norteamericana. Malia que Kate Chopin (1850-1904) foi comparada con Ernest Hemingway, Scott Fitzgerald, Edith Wharton ou William Faulkner, recibiu duras críticas polas drásticas opinións que se verten nas súas páxinas sobre o desexo sexual dunha muller casada, unha especie de Ana Ozores, Madame Bovary ou Anna Karenina que se enfronta cos convencionalismos dunha época marcada por uns comportamentos morais represivos. A obra resistiu o paso do tempo por presentar unha personaxe feminina complexa e que evoluciona psicoloxicamente a medida que transcorre a acción.
A protagonista da novela é Edna Pollentier, unha muller de 28 anos, casada cun home que lle leva uns cantos anos. Mentres pasa as vacacións estivais cos seus fillos nos ambientes cálidos e sensoriais de Luisiana, namora dun mozo, Robert Lebrun, que esperta nela uns sentimentos encontrados, aínda que el, temeroso do que se lle aveciña na súa vila, marcha espavorecido cara a México.
Baixo este sinxelo nobelo argumental, The Awakening (1899) converteríase nun referente do movemento feminista norteamericano. E Kate Chopin –grazas a esta xoia literaria– contaría cunha placa no Paseo da Fama de San Luís, a súa cidade natal.