2014: lembranza, retirada e mais tres discos

German Coppini _ Despierta Escuela _ SG01Gonzalo Trasbach. Aínda que a colleita musical do ano que acabamos de deixar atrás non parece prestarse a grandes titulares, o certo é que o 2014 deparounos unhas cantas xemas sonoras. Pero tamén nos deixou algunha que outra mala noticia. Para comezar convén lembrar que o 2013 pecharase co desacougante falecemento dun singular artista da nosa comunidade: Germán Coppini. Un dos puntais das míticas formacións Siniestro Total e Golpes Bajos deixounos repentinamente o 24 de decembro aos 52 anos. Como letrista a cantante deses dous grupos convenceunos a moitos de que a famosa movida madrileña naceu nun Vigo que acababa de recibir un golpe mortal por parte do Goberno Central no naval, un dos sectores máis potentes da cidade. Na nosa cabeza aínda resoan cancións coma Malos tiempos para la lírica, No mires a los ojos de la gente o Tendré que salir algún día e A Santa Compaña, entre outras.

Nos últimos días do pasado ano recibimos, por un lado, a mala noticia de que Robert Wyatt  anunciou que se xubilaba. O fundador de Soft Machine considera que aos seus 69 anos é xa hora de colgar os instrumentos e dedicarse á vida contemplativa. É este un motivo suficiente para volver outra vez ao seu universo sonoro. Pero un home que viviu atado a unha cadeira de rodas dende 1973 tras sufrir un fatal accidente e nunca se acovardou non podía irse sen despedirse cunha boa nova, un magnífico regalo de Nadal: unha dobre retrospectiva da súa traxectoria, argallada a raíz dunha biografía firmada por Marcos O’Dair, que apareceu o pasado 30 de outubro no Reino Unido. Que ninguén se trabuque, esta recompilación non é un refrito ao estilo de “grandes éxitos”. A pesar das súas versións de I Am A Believer (The Monkees) e Shipbuilding (Elvis Costelo e Clive Langer), a música do de Bristol sempre se degustou en circuítos reducidos.robert wyatt En suma: Different Every Time, tal como se titula a compilación, cumpre o seu cometido á perfección: pon ao servizo do ouvinte convencido unha guía rápida de consulta e para o neófito é unha estupenda invitación a descubrir, cunha selección que foxe do previsíbel, a magnética personalidade dun músico aventureiro e esixente, comprometido co seu tempo e coa súa arte. Wyatt é único: poucos coma el teñen sido capaces de manterse sempre na cima da excelencia, de dotar de calor, humanidade e color, aventura e refinamento a pezas musicais que calquera podería acusalas de simplemente “experimentais”.

Entre outros moitos discos destacados nos pasados doce meses, nos queremos recomendar outro tres. Son de ámbitos e texturas moi diferentes, aínda que están marcados polo denominador común da frescura e a innovación.

salvadoraSalvadora Robot, dos colombianos Meridian Brothers, orgullosamente raros e lamentablemente descoñecidos entre nós. Neste traballo volven ensamblar sons populares latinos, psicodelia, ruído, música electroacústica e  poesía onírica: un frenético e disparatado manifesto de mestura tropical: cumbia, vallenato e outros estilos, todo cociñado nunha marmita de ritmo lunático e extravagante.

hollandWine Dark Sea, de Jolie Holland. Disco cru e salvaxe que bebe tanto do mundo sonoro tradicional de Nova Orleáns como na paisaxe experimental que se cultiva nos antros de Nova York. Miss Holland tírase aquí de cabeza no barro do blues cubista e disonante. Gótico sureño conducido pola voz dunha vocalista que acada o seu mellor rexistro nos matices dun fraseo de mercurio, para contarnos chocantes escenas de amor contrapostas con alucinadas paraxes de natureza turbulenta.

auroraAurora, de Ben Frost. O australiano afincado en Islandia é un mago, xoga coma ninguén coa beleza e o seu lado escuro, terrorífico. É esta dobrez a que fai que un siga escoitando un disco que ás veces fai que te sintas como perdido no medio dun bosque case que impenetrable. As composicións semellan por un momento ameazantes, pero noutro intre parece que nos envolven nunha intensa luminosidade. Este é un disco máis para vivilo que para escoitalo. Que o 2015 sexa un bo ano para todos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *