La espada de los cincuenta años, de Mark Z. Danielewski

la espadaCarlos Mosteiro. Estreei este 2015 coa lectura dun dos libros máis estraños cos que me atopei nunca. Laíño botoumo enriba da mesa do Amanitas sen máis, coma quen bota un artefacto explosivo acabado de desactivar, cun sorriso desacougante que non souben ben como interpretar; e o que é peor, sen apenas instrucións de uso, como moito un lacónico: “Toma, a ver que che parece”. Cando me vén cunha destas eu sempre lle fago caso. Non esquezo que cheguei a autores que agora adoro a través das súas prescricións facultativas. Dende a primeira cata souben que estaba diante dunha rareza.  Primeiro polo artefacto editorial en si, un libro cunha aposta visual diferente, arriscada, con texto só nas páxinas pares, coas impares en branco ou ocupadas polas ilustracións, tan raras como o mesmo libro. Segundo por ser un produto que, baixo a aparencia de relato infantil, agocha un texto inclasificable, envolvente, a medio camiño entre a literatura do absurdo e o relato gótico e mesmo de terror, con toques de escritura automática.

            Unha noite de Halloween, nunha festa, unha costureira chamada Chintana atópase ao coidado de cinco rapaces. O impulso dos nenos resulta irrefreable, mesmo coa promesa de biscoito e dun contacontos. O home entretenos cun relato perverso de vinganza e violencia, que ten que ver con certo cofre con cinco ferrollos. Certamente estamos diante dun libro único, único no sentido de inhabitual, estraño, mesmo extravagante. markMentres o lía pasei por estados de ánimo diferentes: sorpresa, curiosidade, mesmo houben de superar unha fase de impaciencia que me fixo preguntarme sobre se a “rareza” é en si un mérito literario. Superado ese particular momento de crise, esta “espada” reclama atención, non como unha historia engaiolante de aventuras onde pasan moitas cousas, pero si como unha narración que acada o seu valor no seu atrevemento, na súa singularidade, no feito de ser inaudita, insólita.

            Inda me pregunto se me gustou. Non estou seguro. Hai libros que precisan tempo, pouso, mesmo segundas e terceiras lecturas. Pero niso está precisamente a grandeza dalgúns textos, nas inseguridades que che deixa, nas preguntas que suscita.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *