Atlas de la novela europea (1800-1900)

atlasPedro García Vidal. Suso Laíño, o noso lector “omnívoro”, gusta de sementar -con agarimo non exento dunha certa “malicia” pícara- o territorio Barbantia, e faino deixando caer nas mans dos habitantes deste espazo lecturas inéditas ou de difusión limitada co obxecto de abrir novos horizontes. Coñecedor do meu corazón “xeográfico”, nos días previos ás vacacións de Nadal, sobre a mesa do café dos venres, alí estaba a tentación en forma de libro con tan suxestivo título: Atlas de la novela europea. Sabía que non podería resistir a tentación de lelo. A condición de préstamo sería o compromiso de realización dunha crítica da obra á volta das vacacións. Xa que logo, aí vai o prometido.

A interrelación entre as obras literarias e os entornos nos que acontecen as historias é indubidable. Pensemos no Rianxo de Castelao ou de Manuel Antonio, na Pobra de Victoriano García Martí  ou no Taramancos do poeta Avilés, por citar espazos e autores próximos. A xeografía convértese en fonte de inspiración para quen escribe e, ao mesmo tempo, a literatura está presente nas descricións e explicacións xeográficas. Por outra banda, a literatura constrúe xeografías propias que, con frecuencia, aportan ao lector coñecementos xeográficos.

FrancoSemella claro, polo tanto, que dado que toda creación literaria se desenvolve nun espazo xeográfico determinado, a xeografía é un aspecto decisivo do desenvolvemento e da invención literaria: unha forza activa, concreta, que deixa as súas pegadas nos textos, nas tramas, nos sistemas de expectativas. Relacionar, por tanto, xeografía e literatura pon á luz aspectos do campo literario que ata o de agora permanecían ocultos.

A tese principal do autor é que a xeografía intervén na literatura de dúas formas: a) o espazo na literatura, a ficción do espazo; b) a literatura no espazo, o espazo histórico. O estudo de ámbolos dous espazos vai levarse a cabo por medio dos mapas. Os mapas como elementos analíticos -nunca decorativos, como viña sendo norma- que desmontan a obra de maneira diferente da habitual e propoñen ao razoamento crítico funcións novas (un bo mapa vale por mil palabras, afirma un refrán bastante común entre os cartógrafos).

Pero colocar un fenómeno literario no seu propio espazo non é, en efecto, a conclusión do traballo xeográfico senón só o comezo. Nese punto comeza incluso a parte máis fermosa –e difícil– do proceso: mirar a carta xeográfica e discernir sobre ela, tentando comprender de que modo unha disposición espacial específica pode transformarse nunha historia fascinante. Os mapas literarios son para o autor, en definitiva, os piares en que se fundan as reflexións deste libro.

atlas-de-la-novela-europea-1800-1900~1251A tese do autor de que espazos diferentes producen historias diferentes, así como que sen certo tipo de espazos certo tipo de historias fanse simplemente imposibles, vai artellándose nas páxinas do libro para conformar unha historia espacial da novela europea do XIX: a novela e o estado-nación (Austen e a novela moderna); o papel na novela da cidade e os seus diferentes barrios (O Londres do XIX: dúas cidades. O París do XIX: seis ou sete pequenos mundos);  o protagonismo das diversas clases sociais (son os ricos quen se desprazan pola cidade, os pobres apenas se moven. A clase media une os espazos de ricos e pobres, que non se tocan); a presenza de realidade e ficción (o Londres de Sherlock Holmes), etc.

Nesta breve historia da novela europea en cen mapas xeográficos, podemos atopar unha perspectiva nova das obras de Balzac, Dickens, Conan Doyle e outros, ademais de ver como era a Inglaterra de Jane Austen e que tan diferente era a España da picaresca, ou da Francia da Comedia humana. En definitiva, un estudo realmente atractivo cheo de ventás abertas a novas miradas fóra dos vieiros habituais da crítica literaria e, igualmente, un manancial de suxestivas propostas de traballo no campo da xeografía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *