Román Arén. Máis alá, si, máis alá da polémica, alén de pequenas miserias, ninguén discute que Xosé Luís Méndez Ferrín é unha das figuras máis importantes da literatura galega de posguerra. Poeta, novelista, ensaísta, contista e mesmo dramaturgo, articulista e tradutor. En 2007 amosou outra cara dos seus intereses no Consultorio dos nomes e apelidos galegos, nacido de reunir os artigos aparecidos entre 2004 e 2006 no <Faro de Vigo> e <La Opinión> d’A Coruña. E trátase dun “consultorio” xa que Ferrín non se limita a expor as súas sabedorías e as súas opinións, senón que tamén responde as consultas dos lectores sobre a onomástica galega. É pois un libro xurdido dos xornais, xa que logo escrito nun estilo ameno, informal e recreativo, como o propio autor sinala no prólogo. Non saen os artigos sen máis agora en volume, pois Ferrín corrixiu erros e elementos superfluos.
A obra ten unha parte central, setenta e un capítulos, que é o consultorio, ao que se unen un “Ferrado de apelidos”, “Flor de raros” (Belvís, Borbón, Compostela, Eidón, Galicia, Merlín, Pontalomba e outros apelidos galegos ben curiosos), seguidos dun “Brevísimo Glosario” e un “Índice Onomástico”. Cincocentas páxinas para o tempo de lecer, para ler aos poucos e de cando en vez e gozar da riqueza onomástica do país. Non se perdan capítulos como “Significado masónico da letra G”, “Antes dos romanos” ou “Nomes de escritor”.
Ferrín, modestamente, di no citado prólogo que “o autor deste libro non é verdadeiramente un onomasticista senón un suxeito con certa formación filolóxica que decidiu explorar, movido pola curiosidade, o universo dos antropónimos propios do seu País, que son parte, e moi importante, da lingua nacional”. E a súa obra é unha lección de amor a esa lingua tan ricaz en topónimos e antropónimos.