Os filósofos de Hitler

filósofos-hitlerMiguel Mariño. Interesante libro de Yvonne Sherratt publicado por Cátedra, que non é unha obra erudita, pois aínda que ben documentada, é un “docudrama” contado con rigor, amenidade e que ten ben en conta a andaina persoal dos personaxes, aqueles que colaboraron con Hitler e os que se lle opuxeron. Tiveron destinos moi diferentes pero, sabido iso, o curioso é o ben que lles foi tras a guerra, malia algún problemiña. Unha grave cuestión ética, pois se músicos e escritores foron censurados polo seu colaboracionismo nazi (si, mesmo Jünger, digan o que digan os seus fans), os filósofos saíron ben librados e mesmo entronizados (o caso paradigmático é Heidegger), ás veces ata por algunha vítima. Porque o problema son Schmitt e Heidegger, o resto son mediocres ou, caso do pai da analítica occidental, Gottlob Frege, o contaminado era el, non a súa filosofía, rigorosa e obxectiva, na que están ausentes opinións políticas ou morais, pois só se dedicou á lóxica estrita.

heideggerPero, o que nos debería angustiar (mesmo aos galegos e pénsese na importancia da tradución á nosa lingua nos anos 50) é se a raíz, o ámago fundamental do pensamento de Heidegger é de raíz nazi, e son moitos os que afirman isto, que debemos facer? Pénsese que o alemán, nazi de carné ata a súa morte, inflúe en Derrida, Foucault, Ricoeur, Althusser, Merleau-Ponty…

Schmitt, o “gran” constitucionalista para unha ampla maioría de xuristas, está, para Aschheim, contaminado de antisemitismo na estrutura profunda da súa obra e nos fundamentos do seu pensamento.

Canto ás vítimas do nazismo teñen moitos seguidores, pero seguen perdendo fronte aos homes de Hitler: Benjamin, Adorno, Jaspers e mesmo ás veces atacados por algúns xudeus (Berlin para Adorno). Cassiner, un grande, ten poucos lectores, Hannah Arendt é polémica, e o decapitado Kurt Huber (non xudeu e conservador) carece de lectores. Marcuse vai perdendo influxo, Löwith está esquecido.

kantQuen lea este interesante ensaio verá tamén os riscos antisemitas do pai da Ilustración, Kant,  ben manipulados por Hitler, que se tiña por filósofo.

Tarde van chegando os axustes necesarios ao relato dos que tentaron maquillar ou agochar parte esencial da verdade con néboas irracionalistas. Parece que vén tamén unha revisión do papel dos físicos de Hitler (Planck, Heisenberg, Debye) no libro de Philip Ball “Al servicio del Reich”. Por sorte, nada é definitivo.

Un comentario en “Os filósofos de Hitler

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *