Paseos por París

peatonRomán Arén. A descrición de París, os paseos pola capital francesa, son case un xénero literario, con formas distintas: poesía, novela, ensaio… Un xénero que dalgún xeito inaugura Baudelaire co Spleen de París e que conta con nomes como Victor Hugo, Walter Benjamin e o Libro das pasaxes, Apollinaire e O paseante das dúas beiras, Breton en Nadja, Green en París, Patrick Modiano, Léo Mallet, o Hotel do Norte de Dabit, Boris Vian, o Maurice Sachs de París Canalla ou Franz Hessel. Sempre que se queira ler o mellor deste xénero, sen dúbida non se pode esquecer Le piéton de Paris (1939) de Léon-Paul Fargue (1876-1947), que agora aparece en español na editorial Errata Naturae, en tradución de Regina López Muñoz e con prólogo de Andrés Trapiello. En realidade a obra inclúe tamén D’Après Paris (1932), e une o poema en prosa do artigo xornalístico, a melancolía ao pracer.

Fargue, tan esquecido, foi un dos elos de unión da cadea que vai do Simbolismo (Tancrède, 1894) ás vangardas, pasando polas fantasistas. O seu nome non pode deixarse de lado cando un se interesa polo poema en prosa, o xénero tan francés creado por Bertrand e Rabbe e que consagrou Baudelaire. Aí está o mellor da obra de Fargue, que chega ao cumio con Haute solitude (1941).

Se o prestixio en vida e as amizades dos grandes axudasen de verdade á gloria, Fargue estaría entre os grandes.

fargue-man-rayCreador de <L’art littérarie> con Aldred Jarry, de <Commerce> con Paul Valéry e Valéry Larbaud, vencellado como poeta ao <Mercure de France>, un dos primeiros colaboradores de <La nouvelle Revue Française>, foi amigo de Joyce e Proust, de Mallarmé e de Claudel, de Gide e de Debussy, de Schwob e de Satie, de Ravel e de Morand, de Radiguet e de Picasso, de Cocteau e de Malraux, dalgúns surrealistas como Desnos, Soupault e Michaux… Alguén dá máis?

A calidade fundamental da súa obra baséase nos poemas en prosa de Espace (1929) e Sous la lampe (1929), en Alta soedade e nos Poemas (1905), pero tamén no xornalismo brillante, melancólico e áxil do volume agora traducido de Déjeuners de soleil e Dîners de lune.

Un vitalista, un intuitivo discípulo de Bergson, hermético ás veces como o seu mestre Mallarmé, lixeiro outras, cultivou unha poesía libre como a vida, pero non anárquica, que mestura o serio e o lixeiro. Nel conflúen algúns riscos de Rimbaud, de Laforgue, de Huysmans e de Mallarmé, pero con voz propia, nun ton de impresionista que se vai cara ao onírico.

En Galicia foi moi lido por Álvaro Cunqueiro, que traduciu “Soupir” para o xornal <El compostelano> en marzo de 1935.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *