Arredor do “Concerto para violín e orquestra nº 2″ de Sergei Prokofiev

prokofievAlberto Piñeiro. O día que o compositor ruso Sergei Prokofiev morreu, o 5 de marzo de 1953, a Unión Soviética estaba máis pendente doutro pasamento, o de Xosé Stalin, polo que a partida dun dos maiores xenios musicais do século XX pasou inxustamente a un segundo plano; porén, o feito de compartir a lúgubre efeméride  co “home de aceiro”, que é o que significa Stalin en ruso, acabaría favorecendo a lembranza do cabodano do autor de obras tan coñecidas coma o conto infantil Pedro e o lobo, os ballets Romeo e Xulieta e A Cincenta, a Suite escita, a ópera Guerra e Paz, as tres Sonatas de guerra, os seus cinco concertos para piano e orquestra ou a Sinfonía número 5, entre outras moitas pezas que o erixen nun dos referentes culturais da Rusia comunista, malia que nalgúns casos, como por mor do traballo Conto dun home auténtico, fose vítima da censura por parte do mesmo réxime que o había condecorar co Premio Stalin no ano 1952.

É, xa que logo, extenso o catálogo de obras de Prokofiev merecedoras dunha reseña ou dun comentario sempre subxectivo, pero entre todas elas quero aproveitar os caracteres desta fiestra para recomendar un dos seus concertos para violín, en concreto o número 2, en sol menor, opus 63, que no parcialísimo canon ou escala de quen lles escribe figura no Olimpo deste tipo de composición, a carón do de Johannes Brahms, op. 77; do de Tchaikovski, op. 35; do de Beethoven, op. 61; e do número 5 de Mozart, K. 219, polo que sempre tiven unha especial predilección, conformando todos eles o meu particular pentateuco sagrado de concertos para violín e orquestra.

prokofiev 2Pero como ben saben os amantes da música clásica, ou digamos mellor da música culta por falarmos dun autor do século XX, polo tanto moi posterior ao clasicismo, ademais do compositor, na valoración dunha obra pesa, e moito, o intérprete, e tratándose dunha gravación, evidentemente tamén a discográfica. E malia que non escoitei todas as interpretacións rexistradas en CD do Concerto para violín e orquestra nº 2 de Prokofiev, entre as que tiven a sorte de gozar quero destacar a de Maxim Vengerov, acompañado pola Orquestra Sinfónica de Londres, baixo a dirección de Mstislav Rostropovich, nunha gravación da Teldec do ano 1997. Como segundo prato do mesmo CD, atoparemos tamén o Concerto para violín nº 2 de Shostakovich, nunha acertada maridaxe musical por parte da discográfica.

Non vou dicir que coñezo persoalmente o violinista nado en Novosibirsk, Siberia, o 20 de agosto de 1974, porque iso sería mentir de xeito innecesario, malia que tiven a tentación de chamalo ao seu móbil para entrevistalo cando conducía con Xosé Manuel Triñanes o programa “A casa da música” en Barbanza Radio; porén, debo admitir que cheguei tanto ao seu móbil como á súa música da man doutro violinista que o coñecía mellor, e co que compartín piso cando estudaba en Compostela, Juan Carlos Gómez Ríos, venezolano e galego de raigame, actual integrante da Orquestra Sinfónica de Tenerife e irmán de José Luis, gañador este último do Premio Solti de dirección orquestral no ano 2010, sendo o primeiro e único español en acadar o galardón, e ao que tiven a fortuna de poder traer a Boiro hai xa máis dunha década, en 2004, para que nos agasallase, nunha velada inesquecible, coa interpretación de varios “caprichos” de Paganini, entre outras páxinas inmortais. prokofiev 3Pero volvendo a seu irmán, no piso que compartiamos acostumaba poñer discos de Maxim Vengerov que acompañaba co seu violín, sendo o movemento máis repetido no reprodutor o segundo do concerto recomendado, un andante assai que se inicia cun pizzicato tan simple como marabilloso, e no que xorde un deleitoso parágrafo sonoro a cargo  do violín solista, repetido decontado pola orquestra, nunha páxina de partitura que semella querer demostrar ao mundo da arte que as obras máis fermosas son decote as máis sinxelas. Outra cousa son as dificultades que carrexa para o artista dar co camiño da sinxeleza.

2 comentarios en “Arredor do “Concerto para violín e orquestra nº 2″ de Sergei Prokofiev

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>