Paporrubio do cruceiro

paporrubio 1Xosé Manuel Lobato. Os veciños e veciñas de Pazos teñen un gran motivo para a satisfacción e a inmersión nun orgullo contido. Día a día contemplan o seu centenario referente, un cruceiro en bo estado de conservación, agasallado coa frescura e delicadeza dos bastóns de santo Antonio, das vermellas rosas salvaxes e do perfumado azar. Empatía cunha obra de arte, un monumento pétreo que impasible saúda aos viandantes coa súa impasible serenidade. Este é un cruceiro belido no seu intrínseco mundo do silencio. A súa é unha lingua de profundidade e reflexión sostida no tempo.

Todos aqueles que continuamos tendo unha referencia neste cruceiro de Pazos e seguimos dende a nacenza morando ao seu carón, nos dous últimos anos contemplamos entre o estupor e a sorpresa, tamén cunha gran dose de incredulidade, como este símbolo das sendas adquire unha especial sonoridade.

Sons nunha escala de finos e harmoniosos acordes. Non importan as estacións. Semella que tanto a climatoloxía como a época do ano son variables insignificantes para o diminuto paporrubio que cando avista a presenza dalgún admirador transformase nun espectacular cantor.

paporrubio 2Canta, aturuxa e asubía con estilo propio, procura proximidade coas persoas que o escoitan e tratan de relacionarse con el, coa súa lingua musicada semella esforzarse para comunicarse coas xentes do lugar.

No seu afán e constancia por comunicarse logrou que algunhas persoas de extravagante e lixeira cachola lle fagan acompañamentos estridentes aos que o paxaro responde e acepta con asombrosa paciencia.

Melodioso retrousiño, / que do ar chega ao camiño / dun profundo sentimento /que nutre coma alimento.

Melodioso retrousiño, / que alegra un chisquiño, / escoitar sen alento / murmurar ao vento.

Paporroibo do Cruceiro / o teu cantar é senlleiro. / Fidelidade de amigo, / que pacta comigo, / ese canto orixinal, / para certo persoal.

O paporroibo é un paxaro que abonda en Galicia, posúe un carácter moi social e agarimoso. Por iso, cando canta achegase ou permite que nos acheguemos a el. Ten unha gran diversidade de sons, debemos consideralo un dos grandes artistas de plumaxe que moran por estas terras galaicas, mais o de Pazos é un artista que destaca sobre os seus semellantes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *