Fernando Sande y Lago, un albéitar do século XVIII

Escritor. Sande_Y_Lago. jpgPastor Rodríguez. Sabemos que era natural de Noia porque así o declara na portada da segunda edición da súa obra Compendio de Albeytería, en 1729. Pero poucos máis datos seguros temos da súa vida. Cremos que recibiu unha sólida formación universitaria en Compostela e sabemos que en 1690 estivo presente en Valladolid nas festas celebradas por mor da chegada de María Ana de Neoburgo, a esposa de Carlos II de Austria. A primeira edición do seu grande tratado apareceu en 1717 e a obra é un dos grandes estudos veterinarios do seu século. Pero é algo máis ca iso, pois o libro V da obra é un tratado de mineraloxía, que inclúe, ademais, un estudo das augas minerais que é, case con seguridade, o primeiro feito en España, ou iso asegura Llorente no seu Compendio de bibliografía de la veterinaria española, opinión que repiten Manuel Murguía e Antonio Couceiro Freijomil. En 1729 fíxose a edición máis completa, cunha décima do autor á Virxe da Paz e da Piedade, pero a obra tivo tamén unha tradución portuguesa, editada en Coimbra en 1737, ademais dunha reedición no século XX feita por Ediciós do Castro e o Seminario de Estudos Galegos. O seu primeiro estudoso serio foi o galego Rodríguez Mourelo en 1906, e no Barbanza interesáronse por Sande y Lago, J. M. Agra Cadarso na revista Finisterre en 1944; Carlos García Bayón no xornal ABC en 1968, e Xosé Agrelo e Manuel Hermida nas súas Efemérides noyesas, de 1971.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *