Pedras de raio

Palabras. Pedras de raio. jpgXulio Gutiérrez. A pedra de raio é un fermoso prisma de material cristalino que existe na punta dos raios. Cando un raio impacta coa terra, esta punta afúndese ata uns sete palmos de profundidade. Despois, moi devagar, vai aflorando ata chegar á superficie, a unha velocidade aproximada de un palmo por ano. Cando, pasados sete anos, a pedra agroma, comeza a actuar atraendo as treboadas ata que outro raio impacta sobre ela. Entón a pedra sitúase na punta do raio e elévase ata o alto da nube desde onde, acompañada do estrondo do trebón, volve precipitarse con violencia sobre a terra.

Esta curiosa lenda, como tantas outras, trata de explicar un fenómeno natural que resultaba desacougante para os nosos devanceiros. Hai outras lendas semellantes que atribúen este episodio a outros minerais de aspecto apuntado, meteoritos, dentes fósiles de tiburón e, incluso, a machados neolíticos.

Hoxe a ciencia explica tanto a natureza dos lóstregos como a xénese mineral con moita máis verosimilitude… ás veces non desprovista de encanto. Falemos das pedras de raio, como as que se ven na foto, que son moi comúns no Barbanza.

Os cristais son un milagre xeolóxico. Durante millóns de anos, os minúsculos átomos de silicio que danzan no fluído incandescente do magma atraen átomos de osíxeno para estableceren enlaces fortes con eles. Cada silicio acaba rodeado por catro osíxenos formando un tetraedro perfecto, e cada tetraedro únese a outros tetraedros para constituír unha exquisita peza de artesanía telúrica. Calquera anomalía, como unha burbulla de gas, ou calquera impureza, coma un ión metálico, alterarían a súa exquisita transparencia.

A estrutura interna do cristal maniféstase externamente polas facetas que amosa; desde as espléndidas xeodas da amatista ata as delicadas “colas de andoriña” do xeso. A pedra de raio é un cristal de cuarzo que adopta a forma dun prisma hexagonal coroado por unha pirámide trigonal.

Os plutóns graníticos que forman os alicerces do Barbanza son ricos en cuarzo. E ricos en cuarzo son tamén os diques e filóns que entreveran os rochedos, como veas petrificadas de sílice branca. E, nalgún pequeno recuncho deste rexo ambiente petroxenético, substáncianse as pequenas marabillas que chamamos cristais de cuarzo.

Non do ceo senón das profundidades da terra proceden as pedras de raio. Aínda que, tras ser extraído pola industria mineira e procesado pola industria electrónica en chips de silicio, si que eleva ao ceo datos, conversas e imaxes. Os semicondutores de silicio son a base física desta revolución das comunicacións que estamos a vivir.

Non é difícil de entender que moitas persoas queiran ver propiedades esotéricas nos cristais. A fascinación con estas pedras vén de lonxe: como amuletos, talismáns e transmisores de enerxías inefables. A maxia da química, que forma as xemas na natureza, transmútase en maxia simpática nas mentes febles.

De feito, cando fixen unha consulta sobre o cuarzo en internet, para redactar este artigo, máis da metade das referencias que me apareceron en pantalla tiñan relación co esoterismo e menos da cuarta parte coa ciencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *