No centenario de Xosé Mª Álvarez Blázquez

baionaRomán Arén. Membro dunha familia que aportou catro xeracións de escritores á literatura galega, homenaxeado cun Día das Letras Galegas, parece que “pasado o día, pasada a romaría”. E non só de actualidade pode vivir o lector, non pode perder o fío de Ariadna e estar sempre coma un Adán neonato no labirinto. E os lectores galegos do común están agora, con razón, ávidos, arelantes de novidades, pero non deben esquecer os seus clásicos (e ler só os dos demais, que tamén son nosos), deben valoralos e relelos. E Xosé Mª Álvarez Blázquez, bo e xeneroso, home de mil saberes, editor benemérito de Castrelos, promotor da colección máis popular da literatura galega, O Moucho, etnógrafo, arqueólogo, erudito, bo narrador, ten as súas obras maiores, na miña opinión non especializada, no eido da poesía con Canle segredo (1976), fermoso libro elexíaco, e na erudición coa antoloxía dos Séculos Escuros que preparou para Galaxia, aínda que tamén a súa antoloxía medieval ten méritos, aínda que estea xa superada. Foi a primeira que, de verdade, se fixo en Galicia e para Galicia. E iso fóra da “Academia” entendida como mundo universitario, paupérrimo nos 50 e ao que non lle interesaban estas cousas nin Galicia. A súa profesión de libreiro e editor, permitiulle rescatar inéditos e clásicos, de Pardo de Andrade a Pastor Díaz, por poñer dous exemplos. Pero Xosé Mª Álvarez Blázquez foi un mestre represaliado, dunha familia esgazada e con asasinados polos golpistas, pero foi home constante no traballo, sen mala “baba”, enxeñoso e sabio. Un polígrafo, pois foi tamén dramaturgo, historiador, bo narrador en castelán, conferenciante, membro da Real Academia Galega, estudoso da prensa viguesa.

alvarezblazquezEu quero lembralo hoxe cunha obra menor, menor pola extensión, polas limitacións do xénero (é unha conferencia), pero chea de sabedoría, graza e estilo: Crónica rimada de Baiona e o seu mar, que pronunciou en 1964 e que en 2008 editou o Instituto de Estudos Miñoranos, ao coidado  de Antón Bascato. Miguel Anxo Mouriño puxo as notas eruditas e útiles. Sabiamos que Milton fala de Baiona e Nemancos no seu Lycidas? O poema foi escrito por mor da morte de E. King en 1637 fronte ás costas galegas, nun naufraxio. Ou sabiamos que anda Galicia en Baiona en Ariosto, no Orlando Furioso? Pois si. “Isabella sono io, che figlia fui, del re mal fortunato di Gallizia”. E de Ariosto e Milton ao licenciado Molina, pasando polo Arcipreste de Hita (“De parte de Bayona venían muchos caçones…”) e por Valerio Marcial (con dúbidas dos eruditos).

Amor ao país, ao saber gratuíto, ao enriquecemento do espírito, porque, tomando palabras do autor, “se houbo algunha vez un Vélaro de ouro, estaba aquí no Finisterre prodixioso, onde abrollaban, como precioso sangue da terra, o estraño e o ‘oro galeco’”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *