Agustín Agra. Nos últimos tempos ando raro. Raro e aborrecido. Ata este pasado outubro ler unha novela á semana formaba parte da miña rutina habitual. Daquela dei con Sukkwan Island de David Vann (recomendación que moito agradezo a un amigo) e produciuse un punto de inflexión. Aínda non parei a reflexionar cal é o motivo, mais dende aquela non dou atopado nada que me encha o ollo; só din con obras (tanto en galego como en castelán) que non me chegaron a interesar un mínimo. Por ese tempo descubrín ao Comisario Montalbano e comecei a devorar as intrigas saídas do caletre de Andrea Camileri; tras a oitava entrega consecutiva en apenas tres semanas, cansei das comidas e paisaxes sicilianas. Daquela recaín nunha vella amiga deixada de lado había moito tempo: a literatura de divulgación científica. O xene egoísta, A volta ao mundo dun naturalista, As sete fillas de Eva, O mono nu e outro feixe de clásicos sucedéronse un detrás do outro.
Co cine sucedeume algo parecido. Substituín as recomendacións que me chegaban dende Barraña vía San Lázaro pola saga de A guerra das galaxias, as últimas entregas do axente 007 e, malia que levo varios anos sen ver a tele, pola serie Xogo de tronos. Baixei da internet os corenta capítulos das catro temporadas emitidas ata agora e tragueinas dunha tacada. Da noite para a mañá cambiei a lírica do Colectivo Ronseltz pola épica das loitas entre os clans dos Stark, os Baratheon, os Lannister e as hostes de Daenerys Targaryen e os seus dragóns.
Agora, mentres continuo a ler sobre os buratos negros que profetizara Stephen Hawking e me recreo nas viaxes de descuberta do capitán Cook, agardo con expectación que chegue o mes de abril. Para entón espero descubrir as novas aventuras dos protagonistas de Xogo de Tronos na súa quinta temporada. Quizais cando remate, e mentres non chega a sexta, retorne á novela.
Mañá recórdame q che deixe as Boquitas Pi tadas. Non tén nada amáis téno todo. Humildemente
(Por certo: True detective, the knick)
Cantas recomendacións interesantes! Haberá que pórse con Sukkwan Island!