Lola Arxóns: Profesora e activista cultural

A Escritora. jpgPastor Rodríguez. Se o ensino da lingua e a literatura galegas foi a profesión e a vocación de Lola Arxóns, esta profesora noiesa foi e é moitas outras cousas: actriz entre 1974 e 1981 no famoso grupo Candea, co que representou obras de Pepe Agrelo como Noite de lobos en 1975, Metá e metá en 1976 e O mestre en 1978; impulsora dunha iniciativa aínda felizmente viva, a revista Casa da Gramática, na que traballou durante dez anos e coa que impulsou a creación do Premio de Relatos de Aventura Avilés de Taramancos, ou colaboradora ben activa de Barbantia, non impediron todos estes labores, sempre en defensa da cultura e da lingua galegas, que desenvolvese tamén o seu traballo na escrita, dende Antón Avilés de Taramancos (1935-1992). Unha fotobiografía (2003), con Lois Agrelo, pasando por Antón Avilés de Taramancos. Vida e obra (2003), con Xabier Castro, sen esquecer o estudo á fronte da reedición de A frauta i-o garamelo (2000) do autor de Taramancos e outros estudos sobre esta figura aparecidos nas revistas Alameda ou Casa da Gramática. Pero tamén se interesou por Álvaro de las Casas, pois elaborou un estudo á fronte da reedición de Matria (2002), colaborou na obra colectiva Noia. Ribeiras do mar enxoito (2003) co traballo A actividade cultural en Noia, ademais de publicar artigos en A Voz de Barbantia. Unha activista cultural imprescindible na historia cultural do Barbanza.

Un comentario en “Lola Arxóns: Profesora e activista cultural

  1. Quero aproveitar para agradecerlle publicamente a Lola Arxóns a axuda e as consideracións que me fixo na lectura dunha novela que lle pasei hai uns anos.
    O de menos é o contido. O de máis, que percibín o seu intenso e desinteresado amor (fóra dos focos) pola cultura galega.
    Grazas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *