O regato de Vilaboa

As Letras da arte. jpgAntonio Piñeiro. A Paco Casal, malia o título da mostra (Realidades máxicas) e o tema (o paisaxismo), véxoo eu coma un pintor de humanas proporcións, porque esas paisaxes, horizontes, naturezas, quédannos coma á volta da esquina da ollada. Son próximos, tocables, aínda que polo predominio da mancha, a economía de contidos e a abundancia de atmosfera, deran outra impresión. Paco Casal pinta para achegar, incluso diríamos que para entrar/penetrar, e non o fai dende a distancia, senón dende o espazo mesmo. Paco Casal ten unha ollada táctil, vai ás apalpadelas polo regato da luz, as canles da forma ou as liñas do día. Quere que o fagamos nós. Que ollemos apalpando. E isto que digo nótase na gadoupa técnica e inmediatísima do toque, na proximidade, coma de pegada dactilar, do sentir o acto plástico, que se traduce nesa peculiaridade de cofados, zarapintados, enfeluxados, brunidos, esluídos, superposicións, grechas e dentadas de cor coas que vai conformando un estilo tan nidio coma engaiolante.

Paco Casal sorpréndenos cunha lente cromática e unha voz pictórica distintas. Tamén coa linguaxe gozante da súa proximidade persoal. O pintor ten algo de humanismo crónico que se lle pode notar na alegoría, no bodegón ou na mariña; pero que a el se lle nota tamén na paisaxe que debuxa arredor de si -unha conversa, unha mesa, un café-, nesa tenrura sublime do estar, da que lle agroman a elegancia e máis a obra de arte.

Neste Regato de Vilaboa están implícitas esas cousas. Danos o significado da obra e da persoa. De como, en pintura, se debe ou se pode transcender. Xogo múltiple entre dous espazos, chan e ar, o cadro sérvenos tamén coma pauta da colección enteira: paisaxe en enerxía (vexetacións, augas, rochas, mares, camiños, revoltas); paisaxe en tacto, xa digo: veludo, grecha, rañadura; paisaxe en dualidade polo sabedor uso dunha composición (dous espazos divididos por unha horizontal e un punto de vista baixo) que unifica, dota de criterio, de carácter, de coherencia, máis onde sospeito que está tamén a dualidade/multiplicidade das percepcións; paleta antitética (frío cálido de brétema, frío alaparado de onda, frío púrpura, coma de mineral magmático, frío burbullado de mar ou ferventía), que non vén ser senón o recurso térmico-literario da súa poética visual; e -permítanme repetilo- o baixísimo punto de vista, que non resta, senón que engade presenza, persoa, coma se fose o pequeno chan poeirento, tremo ou líquido do Home diante dunha inmensidade.

Esta colección de Realidades máxicas vai, dende logo, máis aló do apetito ou o interese artístico. É toda unha lectura sensible que fai cadaquén de si mesmo mentres a olla. Paco Casal está ata o 28 de febreiro no Centro Cultural Lustres Rivas, de Ribeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *