Moral e novela IV

valle-inclan1Román Arén. Aparece Valle-Inclán na obra de Ladrón de Guevara nas páxinas 444 e 445, entre a catalá “Agna de Valldaura” e Jenaro del Valle. Comeza o xesuíta, con certa ironía, afirmando que Valle “vive todavía, según creemos, de malas ideas y grandemente deshonesto, propagador de invenciones escandalosas en obras originales y en traducciones de Eça de Queiroz”. Xulga dúas novelas, Sonatas de otoño e Flor de Santidad, e quedamos pensando qué diría de Féminas. A “sonata” ten asunto de “mucha lujuria” e o xeito de tratalo é “en extremo provocativo”, e para máis “tiene un tinte volteriano”. Engade que escribiu outras sonatas semellantes.

De Flor de santidad afírmanos que é “tamén deshonesta”, pero que conta con “malicia de otro género”. É dicir, que é “de un falso misticismo diabólico, lujurioso, blasfemo, repugnante”, pois “salen para el descrédito cosas y personas sagradas”. Andan revoltos o profano e o santo, isto último tal “cual puede entenderlo persona tan lujuriosa como Valle-Inclán”. Engádanse ilusións “sacrílegas” que veñen a dar en “deshonestidad que en su alucinación piensa ser la mayor santidad. Esa es Flor de santidad, con su pecado y sus efectos y locuras”, ademais con “lenguaje cínico á veces, y otras de una bajeza repulsiva”. valle 2Non se libra Valle dun xuízo persoal, reservado para os novelistas perigosos: “Es Valle-Inclán uno de esos amadores de escándalos, que tienen gusto en propagarlos, que en tan infame oficio emplean sus talentos y esclavizan y rebajan para ello la lengua castellana”. Como consolo pode quedarnos que, polo menos, lle recoñece talento. A fin de contas non saen mellor parados Valera, Galdós, Balzac, Baudelaire, Constant e outros grandes nomes da literatura, aínda que en, algunha vez, en voz baixa, coincida co xesuíta en Guerra e paz, cando se queixa das escenas de nobres rusos conversando, que se fan “cargantes”. Algunha vez, nalgures, ata co demo se está de acordo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *