A mesma forma de mirar a auga

distintas-formas-llamazaresAntón Riveiro Coello. Non sei realmente cales son os motivos que levan a unha boa parte da crítica española a falar desta novela coma unha obra mestra, cando para min está lonxe de ser tan sequera unha boa novela, se é realmente unha novela, que tampouco o teño tan claro. Non entendo esa euforia, a non ser que se estea a celebrar máis que o texto a volta efectiva dun autor que leva uns anos moi lonxe de acadar o nivel das primeiras obras. Dóeme dicir isto porque para min o primeiro Julio Llamazares era un dos autores máis interesantes da narrativa española dos últimos trinta anos e a súa literatura era moi doado anosala non só pola temática senón tamén pola proximidade dos seus mundos xeográficos e emocionais.

La lluvia amarilla si era unha obra mestra que amoreou todo tipo de unanimidades. Diferentes maneras de mirar el agua é unha proposta interesante que fica, ao meu ver, nun esquema de posible novela. A idea inicial prometía levarnos de novo ao mundo perdido do rural, a páxinas semellantes ás de La lluvia amarilla, a un territorio extinto do que xurdirían fermosas páxinas tiradas de dentro por alguén que coñeceu ben ese territorio. Mais, teño para min que todo quedará en pinceladas de proxecto.

julio-llamazaresA historia de Diferentes maneras de mirar el agua é a dun vello que decide, como vontade derradeira, que boten as súas cinsas no pantano que asolaga a aldea da que foron expulsados por mor da construción dunha presa que dirixira, nin máis nin menos, o enxeñeiro, e tamén escritor, Juan Benet. Pois ben, ao redor das cinsas do avó, dezaseis voces (diferentes?) reconstrúen a historia da familia e erguen as súas preguntas sobre esta experiencia que provocou os desexos últimos do vello. Dende a avoa até os netos, o autor vai ofrecendo un relato no que falta a diferenciación das voces, e a paisaxe por veces está ausente; como moito, o autor fica na superficie da auga e non baixa ao fondo onde estaba a aldea e onde verdadeiramente podía atopar a substancia dunha boa novela.

O curso da conciencia que flúe polos personaxes polo tanto é repetitivo e, por veces, teño a sensación de que estou a escoitar unha única voz, que me quere falar dun xeito reincidente sobre a dor do desterro, sobre o esquecemento, sobre un pasado que marchou para non volver. E Julio Llamazares faino cunha prosa clara e sinxela, si, que se le ben, pero que está a anos luz dos primeiros libros e, ao meu ver, de ser tan sequera unha boa novela á que lle acaería moito mellor o título que encabeza esta impresión.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *