Personalismo

personalismoFrancisco Ant. Vidal Blanco. Toño non é do Dépor, a pesar de que na entrada da casa, onde todos temos un espello, el ten o escudo do equipo. E non o é, a pesar de que onde todos temos unha lámina cunha paisaxe alpina el ten a camiseta do dianteiro que lle marcou un gol a non sei quen nin sei cando. E segue non sendo do Dépor a pesar de que no chineiro, onde todos temos as nosas fotos familiares e o lugar reservado para lembrar ós ausentes, el ten o seu retrato co anterior presidente do club. Toño non é do Dépor, Toño é de Lendoiro, que non é o mesmo. A súa casa é un museo de lembranzas da época gloriosa do Coruña, os seus álbums de fotos só conteñen recortes de noticias deportivas daqueles anos, e a súa videoteca debe ter todos os partidos que o Dépor xogou nas décadas do noventa e nos primeiros anos do presente século. Pero desde que cambiaron de presidente, el nin renovou o carné de case corenta anos de antigüidade, nin volveu pisar o estadio, nin nunca tan mal falou do xogo, do adestrador, dos xogadores e, como non, de toda a cúpula directiva.

Pero o caso deste amigo meu non é ningunha rareza. Iso de pensar que unha persoa encarna a todo un club, sociedade ou partido político hai moitos que o pensan. E certamente, se moitas veces é o propio egoísmo ou narcisismo dos mesmos líderes o que acapara poder sen taxa e transmite esa idea do imprescindible, como se sen eles todo fose ir a peor, tamén os electores teñen parte de culpa. No paquete entran dirixentes, caudillos e cabecillas, presidentes e secretarios que suman anos de mandato como quen colecciona trienios. Pero outras moitas veces, somos nós, quen parece que non podemos vivir sen o seu amparo, que como aquel falte fáltanos a vida, soñando co retorno ós seus momentos de gloria aínda que esa fose unha casualidade efémera, e vémolo no fútbol, na política e ata na asociación cultural, onde sempre aparece o patrón indiscutible que ha de manterse na cadeira porque sen el non hai quen guíe o barco. Nós somos quen converte en dono da parroquia ó señor párroco cando lle permitimos sentar á súa mesa os seus escollidos, ou do municipio ó alcalde con tanto pedirlle o favor da preferencia sobre o resto da veciñanza.

É tan longa a nosa tradición de dependencia dunha cabeza visible, dunha figura paternal aínda que teñamos oitenta anos, que semella que as urnas e as opinións só están atadas ó que a tal cabeza decida. E vémolo ata nos máis novos, cando ameazan con abandonar a mesma barca que eles construíron se non se acatan os seus ditados, e vémolo nos máis vellos cando acusan ó seu relevo de malcriados e irrespectuosos, e vémolo sempre e cando se lle dá preferencia ó individuo sobre as necesidades e desexos da colectividade.

Volvendo ó meu amigo (que hoxe non quero falar de política), é evidente que este non é un bo seareiro do seu equipo; de feito xa non creo que teña equipo, non é deses que están ás verdes e ás maduras, dos que diante dun problema pelexan por buscarlle unha solución. E o seu caso, levado ó campo da política xa é archicoñecido, que hoxe todos en masa che arroupan e mañá tamén todos en masa che abandonan. E na curta experiencia de corenta anos de democracia, xa aprendemos que a alternancia depende, nunha alta porcentaxe, da moda imposta polos mass media. E non sei eu se é que aínda non aprendemos a elixir por nós mesmos sen que se nos impoña ou recomende, ou que lle temos medo a tomar tan vital decisión como é cambiar de dirixente.

Acaban de contarme que Toño redecorou a casa, apartou todo símbolo deportivista e só deixou a súa foto co anterior presidente no chineiro do salón.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *