Farmacia silvestre

farmacia silvestreXulio Gutiérrez. Misteriosas e ocultas a plena vista, as plantas medicinais son unha farmacia silvestre da que case temos perdido a memoria. Os estralotes, a herba das andoriñas e o estramonio, entre outras, agroman nos solares ermos, incluso nos ambientes máis urbanitas. 

Druídas, menciñeiras e xamáns probaron, ao longo de milenios, as propiedades de plantas polo método do ensaio-erro ata constituír un coñecemento no que o empirismo e a maxia simpática se mesturaban con inxenua naturalidade.

De materia medica do grego Dioscórides Anazarbeo foi un best seller no século primeiro da nosa era. Contén a descrición das propiedades curativas de máis de seiscentas plantas medicinais, pero sustentábase nas ideas médicas rudimentarias de Hipócrates. Máis tarde, Galeno, Avicena e Maimónides, pese aos notables avances que acadaron, non deron en rexeitar as supersticións. Houbo que esperar ata o gran Roger Bacon para asistir á separación definitiva do coñecemento especulativo e o coñecemento científico. A medicina moderna nace do triunfo da razón: un proceso en continuo avance desde o renacemento ata hoxe. Desde Vesalio a Flemming pasando por Falopio, Jenner, Malpighi e Pasteur.

Hoxe, os principios activos presentes nas plantas purifícanse ata conseguir fármacos con doses exactas e precisas das substancias curativas, e libres das substancias negativas que tamén aparecen en cada especie vexetal e que frecuentemente producen efectos colaterais perniciosos.

A durmideira (Papaver somniferum) é unha planta de reputación ominosa. Aínda que pertence á familia das alegres papoulas, contén alcaloides que lle outorgan propiedades sedativas e narcóticas. O seu mérito contraditorio é que produce  algunhas das drogas máis mortíferas (opio, heroína) á vez que substancias moi usadas para aliviar a dor (morfina e codeína).

É unha planta frecuente como planta ornamental pero non é moi coñecida, aínda que España sexa o segundo produtor de durmideira do mundo, despois de Australia. O 25% da morfina mundial é de orixe española. Loxicamente, as plantacións están sometidas a un estrito control e a súa comercialización está rigorosamente regulada. A variedade cultivada en Andalucía e Castela-A Mancha ten a flor branca e altos niveis de morfina (20%) e codeína (4%). A variedade común en Galicia ten as flores púrpuras e baixos niveis de alcaloides (menos do 3%).

A farmacopea occidental é produto dun saber milenario que foi quen de requintar coñecementos ancestrais primitivos pasándoos pola peneira da ciencia ata dar un construto teórico e práctico de incribles resultados como os modernos antitumorais ou as vacinas antiidiotípicas. Por isto resulta inaceptable a mercantilización criminal que algúns laboratorios fan sobre certos medicamentos.

Por outra parte, é curioso que estes inmensos avances sexan continuamente contestados por inxenuos ignorantes que, retornando ás ideas medievais, cren que o «remedio natural» é mellor que o de síntese. Porque ¿que significa «remedio natural»? Todo o «natural» é mellor que o sintético? En todo caso, despois de participar nun destes debates estériles non hai nada como un ibuprofeno, e deixo as infusións de salgueiro para quen as queira.

Un comentario en “Farmacia silvestre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *