Vagabundaxe e insubmisión

O Fío de Ariadna. jpgMariña Pérez Rei. Un aire desorientado e un pranto algo sarabiado. Talvez dous síntomas da entrada discreta da primavera en lascas de adobío pubescente. Porque a primavera ten esas cousas dos adolescentes: as doncelas miran tenras o seu móbil coma antano para as fitas do combate, agardando que ocorra algo. A pouca distancia do consabido suceso -intransixente- o inverno cabalga un paso seguro ao pasarmos ao carón. Porque el é de seu moi teatral co estrondo dos tronos. Finxe estar de mal humor entre escenas tenebrosas e laios crus. Volverá. Máis acuoso, insinúa.

Hai quen lle chama temporal, outros falan de desharmonías e levidades xenéticas de cada un(ha). A cuestión é que o clima nos muda a face e o que vai por dentro, e tendemos a soltar lastre: imos botando unha manta de menos, o cabelo entenrece cos texturizadores e despréndese da húmida curota habitual, os xeonllos espreguízanse, mudan os humores do corpo e sen pensalo moito, unha tarde afrontamos unha coca cola nunha terraza ao abrigo do nordés.

Pero non só de proteínas de trigo e hormonas vive ese mar interior. As súas ondas imperfectas matizan -aí o seu desexo de perfección- o carácter tornadizo que nos axexa, devecen por amordicar a nosa praia esquecediza. Saben que na mudanza dos tempos se mesturan os temperamentos básicos: sanguíneo, flegmático, colérico ou melancólico, nunha caste de area movediza que nos prognostica. E secasí, o corpo ten os seus momentos de vagabundaxe e insumisión. Esa indocilidade do equinoccio. Disque os arquitectos nazarís, tan próximos á beleza da natureza, adoitaban cometer adrede algún erro nos patios que construían, porque a perfección era só para Alá. Na excelencia do xenio axítase un aire desorientado. Último pranto sarabiado.

Esta entrada foi publicada en Mariña Pérez Rei, Narrativa. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>