O poder real

poder realFrancisco Ant. Vidal Blanco. Certo que moitas veces coa sobre información chégannos noticias que nos custa crer e temos que tomalas como argucia do diaño que só os benfeitores gobernantes ou o tempo que todo o cura poderán remediar. E con esa sobredose de información veñen acusacións e remedios preventivos, apocalipses, xéneses e éxodos que deixan a uns por mentireiros e a outros por salvadores mentres os de a pé sofren as consecuencias.

Esta semana, para amosarme o mal que nos informamos a pesar de tanta información que nos rodea e nos obriga a seleccionar as noticias, un amigo sindicalista acaba de poñerme en alerta cunha pregunta que non agardaba, se eu creo no parlamento. E si, claro que creo, porque, aínda que os medios nos criban a diario coas barbaridades cometidas con luva branca, o parlamento é o único sitio en que se regula ó gusto da maioría, ou polo menos da maioría que saíu elixida das urnas, gústenos ou non. E aínda insiste, se penso que é o parlamento quen manda, e entón claro que non, que xa sabemos todos iso dos poderes fácticos, e que os cartos son os que mandan, que xa o dixo Quevedo, con aquilo do poderoso cabaleiro e o arcipreste de Hita con aqueloutro do perdón dos pecados á conta dunha esmola, e a ninguén se lle escapa unha verdade tan grande. E por saber tamén sabemos que con cheques de procedencia secreta, que non anónima, fináncianse campañas e mércanse votos e deputados.

E a partir daí xa me conta algo que custa crer aínda que entra no que todos, sen ver, cremos con fe cega que pode suceder e sucede, tal é un acordo que están negociando as grandes empresas de América do Norte e Europa para facilitar a libre mercadoría dos seus produtos sen o control dos estados, algo que se algunha vez apareceu na prensa foi con letra pequena, con eufemismos que lle quitan importancia, ou nalgún lugar que pasa desapercibido, tal a esquina en que acostumamos a poñer o dedo gordo cando collemos o periódico. Por outra banda, iso de que as multinacionais aconsellen e provoquen, xa se sabe que se fai incluso co beneplácito dos estados. E aínda que isto que me conta semella o argumento dunha película de espías, desas nas que un arroutado pon patas arriba todos os dereitos habidos e por haber, o certo é que se están creando entre as mesmas multinacionais os tribunais privados de arbitraxe, co que en Europa, onde a día de hoxe só hai un elemento transxénico permitido, poderán entrar os máis de 160 que se permiten en USA, así como as hormonas de engorde do gando, os pesticidas ou os tratamentos artificiais para modificar a aparencia dos produtos sen máis control co que eles marquen.

O meu amigo ve nestes tratados tan pouco publicitados, agochados baixo as siglas TTIP, a negra man do Doctor No, eliminando dun golpe os dereitos sociais, a sanidade pública, a seguridade alimenticia e ata os dereitos sociais, tratando de monopolio ós hospitais e ós colexios públicos, por atentar contra a liberdade do libre comercio de médicos e mestres, e acusando ós sindicatos de frear o crecemento económico coas súas folgas e protestas. E asegura -este alarmado amigo- que non tardaremos en ver o ataque ó que demos en chamar Estado de Benestar, cada vez xa máis diminuído, con promesas de baixada de impostos incluída, co único fin de que os parlamentos acepten e acaten as normas impostas por este acordo transatlántico entre magnates da industria, que pretende impoñer as súas leis comerciais, baseadas nos dous mandamentos do liberalismo agresivo: producir sen taxa e consumir sen pausa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *