Tangerines, de Zaza Urushadze

tangerines-posterAntón Riveiro Coello. Esta coprodución estoniana-xeorxiana amosa o encontro cultural entre dous países que hai tempo recuperaron a independencia da Unión Soviética. Está ambientada na guerra de Abjazia (1992-93) e amosa o conflito entre chechenos e xeorxianos. Pero a película céntrase en Ivo, un carpinteiro estoniano que vive nunha aldea canda o seu amigo Margus, que se dedica á recolleita de mandarinas, e ambos os dous, xunta o médico da aldea deciden quedar e seguir facendo vida normal durante a guerra e diante do abraio dos milicianos que se enfrontan entre eles. Un día, despois dunha incursión sanguenta, estes estonianos socorren a dous combatentes inimigos entre si, un checheno e un xeorxiano, e lévanos para a casa de Ivo, onde comeza unha difícil convivencia. Este é o punto inicial desta película intelixente e moi humana que crea en nós unha fascinación sobre todo polo personaxe central, o carpinteiro Ivo (Lembit Ulfsak, antigo actor de teatro estoniano), un ser lacónico, de poucas palabras que nos engaiola con acenos serios e olladas sobrias.

Tangerines 2Mandariinid (Tangerines) é maxistralmente cálida e reborda un lirismo interior que baila nos abismos da moralidade e a fábula sen caer en ningún momento en ningunha clase de sentimentalismos. É unha intelixente alegación antibelicista que conmove e amosa as habelencias dun director que controla en todo momento o ritmo constante dunha longametraxe medida e sen estridencias, que fica gravada para sempre no lugar das emocións.

Contan que foi escrita tan só en dúas semanas e filmada en pouco máis dun mes. Non sei se é certo ou non. En todo caso, o director xeorxiano Zaza Urushadze atinou de cheo coa orixinal sinxeleza desta película que, con todo o mérito do mundo, non pasou desapercibida e acadou importantes premios nos festivais de Berlín e Varsovia, entre moitos outros, e se non apañou o Óscar á mellor película estranxeira para o que estaba proposta, foi precisamente por coincidir no tempo coa marabillosa Ida do polaco Pawel Pawlikowski. Vexan tamén Mandariinid (Tangerines). É outra alfaia que non defraudará.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *