Xerardo AgraFoxo. Uns anos atrás apareceu na portada dun xornal. Era un home humilde, casado e con catro fillos ás súas costas, pero condenárono a cinco anos de cadea. Cal fora o seu delito? Como merecera tan duro castigo? Descubríranlle un millón de pesos, ao redor de 40 mil dólares, agochados nun caixón. Algo insólito nun país cuns salarios tan raquíticos. E como acumulara tal fortuna? Tería outro oficio oculto? A resposta era ben doada. Todos os veciños coñecían o seu segredo: fabricara uns zapatos que vendía fóra do seu taller.
Mentres pagaba o seu delito na sombra, a crise do sistema derivou nunha economía de supervivencia. E obrigou aos dirixentes a mudar os seus postulados. Permitiron que milleiros de persoas se estabelecesen pola súa conta. Liberaron centos de actividades produtivas, e as cidades agora semellan un zoco onde se ofrecen os servizos máis inimaxinables. Calquera cousa que precises –incluso as máis noxentas– podes atopalas sen problemas. Só precisas algúns dólares.
Que será do zapateiro de V.? Que opinará desta nova singradura da illa? Seguirá reprimido? Ou daríanlle un premio –I+D– polo seu espírito empresarial?