Moral e novela II

los hidalgosRomán Arén. O padre Ladrón de Guevara poucas veces xulga como mediano, tolerable, inofensivo, e moi poucas escribe bo. Como non podía ser menos nun xesuíta, o narrador mellor parado nos xuízos é outro xesuíta, o padre Coloma, o autor de Pequeñeces. O prólogo asinado en Bogotá en 1910 non ten desperdicio para entender os seus criterios, aínda que no corpo da obra amplifica os adxectivos e engade “mal nacido”. Non traduzo os seus xuízos sobre autores galegos para non privalos do sabor do seu especial “estilo”. De Benito Vicetto, un dos bos narradores románticos segundo J. Ignacio Ferreras, escribe o xesuíta: “Gallego. Escribía hacia la mitad del siglo XIX. Malo y mal imitador de Fernández y González”. Só xulga a novela Los hidalgos de Monforte, da que escribe que ten “espíritu revolucionario y amores ilegítimos de una casada con otro”.

Do conservador Nicomedes Pastor Díaz, ministro, poeta en galego e castelán, falecido en 1863, antes de poder escribir o prólogo dos Cantares Gallegos rosalianos, escribe o moralista que “su melancolía y sentimentalismo tétrico de mal género no puede menos de dañar a ciertos caracteres”. De Villahermosa a la China, a novela do autor de Viveiro, afirma xenerosamente que “pueden leerla los mayores”.

marquesNon sae mellor parado o Marqués de Figueroa, que o era nesa altura don Juan Armada y Losada, membro da Real Academia Española, ministro, poeta en galego, narrador e ensaísta. De El último estudiante escribe que é obra “peligrosa en amores impuros y pecados”, mentres que de Antonia Fuertes non di cousas mellores, pois fala do “peligro al deshonesto naturalismo de la novela con tanta lascivia como hay en ella”. Por último  La vizcondesa de armas, “es también de amores ilegítimos y pecados, además de un duelo y de un suicidio”.

Nicanor Rey Díaz é descrito como “contemporáneo de Galicia, poeta de malas ideas a lo Castelar y Núñez de Arce”, pero a súa obra Los caballos blancos é de “amores deshonestos, tolerable”.

Manuel Vidal, que era sacerdote aínda que Ladrón de Guevara non o indique, é considerado “autor contemporáneo de Don Porrazo o mi cubierto de plata, a guisa de novela de costumbres gallegas (1909). Se puede leer”. A novela, engado eu, está reeditada non hai moito e é bilingüe.

Samuel Eiján, quen foi non mal poeta en galego, membro da Real Academia Galega, franciscano e autor dunha amplísima bibliografía, mesmo da novela bilingüe El último estudiante, é xulgado pola novela El socialista modelo. É, para abraio noso, o tipo de novelista que marabilla ao xesuíta, pois a obra é “muy buena y con las licencias necesarias”. (Nisto último debe residir parte da “bondade da obra”, pois refírese, claro é, ás licencias eclesiásticas, obrigatorias nun relixioso para publicar.

Pero o mellor da obra queda reservado para dona Emilia Pardo Bazán e para Ramón del Valle-Inclán. Da primeira xulga dezasete obras e gaba moito dúas, Una cristiana e La prueba.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *