Grecia: por que no punto de mira?

grecia 2Gonzalo Trasbach. Non creo dicir barbaridade algunha se afirmo que a responsabilidade dos medios de comunicación na actual regresión social é máis que evidente. Tampouco considero unha esaxeración se digo que os mesmos que xa hai anos tapaban asuntos escuros, turbios, ou loaban obras sen sentido son os mesmos que nos últimos tempos se veñen autoproclamando coma descubridores de tramas corruptas que case todos coñeciamos e calabamos ou coma denunciantes do abandono e o estado ruinoso no que se atopan aquelas obras ou construcións que entón eloxiaban e moitos cualificabamos de monumentos da dilapidación dos cartos de todos. De gabarse delas pasaron a denuncialas, ese foi o único cambio. En canto aos telexornais?: un punto de fusión entre a crónica negra, a gaceta rosa e os reality. E as televisións?: armas sistemáticas de publicidade política e de propaganda.

grecia 3Esta pequena introdución vén a conto en relación coas eleccións gregas e o choque entre o novo goberno heleno co, entre outros, presidente do executivo español. Pero non pola confrontación verbal en si, senón pola información dos medios estatais e autonómicos sobre os resultados dos comicios e sobre as negociacións do equipo de Tsipras cos dirixentes do eurogrupo. Toda a información está claramente nesgada e condicionada pola campaña electoral, coa crecente música de fondo de Podemos, formación á que comparan ou irmandan con Syriza e tamén co réxime venezolano.

Como xa sabemos: os gregos outorgaron unha maioría a Syriza (por aquí, esquerda radical) como resposta ás políticas de austeridade impostas pola Troika. E mentres os líderes da eurozona escoitan con incerteza as propostas do novo goberno de coalición grego, entre nós, moitos pregúntanse se Podemos é a versión española da agrupación política helena.

grecia manComo é que de repente espertou o noso interese polo goberno que puidese escoller un pequeno país mediterráneo de once millóns de habitantes, sobre o que a prensa e os medios se dedican a resaltar os aspectos máis negativos dunha xestión política e administrativa, desde sempre en mans de dúas poderosas “familias” afiliadas á dereita clásica e á socialdemocracia? Sinxelamente, dende que as políticas do novo executivo heleno poidan volver pór en apertos o sistema bancario europeo e a moeda común (euro). Pero os medios pouco nos dixeron das penalidades que, dende o 2007 ata agora, pasou a poboación grega. Neste senso, a semana pasada nun periódico coruñés un prestixioso columnista relataba dous aspectos negativos: a elevada porcentaxe da poboación dunha illa que cobraba por ser cega cando non o era, e que os contribuíntes arestora so aportan ao estado 76.000 millóns de euros.

grecia euroNo entanto, nada nos conta de que durante ese período de tempo se privatizaron a xestión da auga, as empresas enerxéticas, a onerosa lotería nacional, os portos, aeroportos, autopistas, as liñas do ferrocarril, as costas e illas. E todos sabemos con que resultado. Porque todo isto favoreceu aínda máis aos oligarcas, que fixeron as súas fortunas como armadores pagando menos impostos que ninguén. Non hai nada peor que cambiar de deus. Agora case todos adoramos o catecismo laico da Merkel. Pero a colonización económica dunha nación non resolve os seus problemas internos. Pode agravalos.

Fronte á receita económica da Troika, que combinaba suba de impostos e recortes no gasto público, a poboación grega apostou maioritariamente por Alexis Tsipras. A menciña europea resultou peor que a enfermidade que pretendía curar: contraeu a economía e empobreceu a boa parte da cidadanía, co cal está a dificultar a devolución da débeda grega. Así pois, do remedio ideado polo FMI, o Banco Central Europeo e a Comisión deveu nun cancro. E neste senso, moitos expertos sosteñen que Grecia merece unha quita similar á de Alemaña trala Segunda Guerra Mundial.

O perigo, pese a que as negociacións seguen abertas, semella evidente: Europa pode acabar suicidándose por querer impartir unha lección moral a un pequeno país, que asegura que non pode pagar a súa actual débeda (máis de 35.000 euros per cápita). Pero os países debedores (entre eles España, 26.000 millóns) non queren oír falar de quita, nin de reducir ou renegociar a débeda. Dado que do que se trata é de que os veciños do norte lles reclaman aos do sur que devolvan todos os créditos, ignorando unha política crediticia criminal por parte das súas entidades bancarias, a pregunta parece case escolástica: se case a metade do rescate grego foi parar aos bancos alemáns e franceses, quen é o que precisa dunha lección moral?

O resultado das votacións helenas desgustou a case todo o mundo. Entre nós, os que mostraron a faciana máis indignada foron os xefes dos medios informativos e os seus fieis facedores de opinión. Xa se sabe: a democracia é o mellor sistema se gañan os nosos, pero se gañan os inimigos, entón os votantes ou son uns irresponsábeis e insensatos ou están manipulados. Para eles non é importante o que supuxo a profunda recesión, que presentou un dilema meridiano entre o que demandan os electores e os gobernos queren (ou poden) facer.

grecia 4A día de hoxe, elixir novo executivo pode non significar nada na política práctica, pois mande quen mande, outras son as institucións (aquelas que ninguén escolleu) que deciden: isto confirma definitivamente a perda de autoridade e control dos estados sobre os seus asuntos internos, de xeito especial os económicos. De aquí que o argumento nacionalista de recuperar a soberanía teña cada vez máis forza e atractivo, e os partidos “responsábeis” (PASOK e ND en Grecia) son as súas primeiras vítimas. E non é esta a sorte que lles pode agardar a outros? Isto sería, no fondo, o que explicaría o nerviosismo dos dirixentes políticos españois e a vergonzosa e tendenciosa información que nos venden os seus servos ao fronte dos medios.

En canto as similitudes entre Podemos e Syriza, algunhas hainas: a orixe sociodemográfica dos seus simpatizantes e mesmo a moderación do seus discursos políticos, que evolucionaron dende as posturas anticapitalistas ata posicións de centro esquerda. Pero España non é Grecia. Tampouco o PSOE, pese a súa imparábel sangría, é equivalente ao PASOK. O exemplo grego permite observar que Podemos non planea o asalto ao ceo, coma se desprende da súa retórica, senón que só é a chave que abriu a porta dun ciclo pluripartidista na política española, logo de que estoupase a estrutura bipartidista do poder que reinaba comodamente en Madrid dende hai 37 anos .

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *