Kafka non sabía eructar

comida 3X. Ricardo Losada. O outro día, diante dun bo cocido, mentres un amigo se tocaba con gusto o bandullo, déuseme por pensar que estamos habituados a chamarlle felicidade do corpo ao que non é máis que felicidade da mente. Comer só foi un acto voluptuoso para o corpo dos primeiros homínidos, que comían coas mans e os dentes carne crúa, e remataban cun bo eructo, o maior signo de felicidade corporal que un poida imaxinar, e que hoxe reprimimos, covarde e significativamente. Pero desde que inventamos o lume, as salsas e as especias, comemos coa mente, é dicir, con coitelos e garfos e vaixela, e rematamos co absurdo e barroco sucedáneo que ideamos para o eructo: esas enfastiadas conversas sobre a comida que comemos. E non só sobre as viandas. Hoxe vivimos unha época tan manierista e dexenerada que, mentres comemos, ata falamos con devoción dos lugares onde compramos iso que comemos. Perdémonos o mellor. A verdade, a única verdade, é que deberiamos comer en silencio, oíndo a música de todo o proceso dixestivo. É triste. Só somos conscientes de que temos dentes e bandullo cando imos ao dentista ou ao internista. Porque é imposible asistir a unha comida, en familia, cos amigos, cos compañeiros de traballo ou contigo mesmo, sen que os comensais argumenten sobre as súas virtudes, xa non só dietéticas, senón éticas e estéticas. Supoño que quedarei como o cu, pero vou dicilo. Cando escoito falar da comida mentres como, síntome como me sentiría se, mentres fago o amor coa muller, os de carrusel deportivo estivesen retransmitindo en situ o romántico encontro.

 comida 2    Logo parece claro. Comendo como fai a maioría, é feliz a mente, non o corpo. Proba evidente é que cagar considérase un dispendio. Mágoa que despois haxa que cagar este delicioso arroz con lumbrigante, dise cun snobismo insufrible. Eu non son así. Gozo máis cagando (xa digo, vou quedar como o cu) que comendo. Cagar é a comer como exacular a amar. Direi máis: os peidos, que tamén covarde e significativamente reprimimos, son como os xemidos (que, máis ben, deberiamos chamar gruñidos) do orgasmo. Por iso, e en boa lóxica, eu sufro cando estou retraído. Impídeme chegar ao orgasmo gastronómico. Pero, tamén en boa lóxica, á maioría da xente deberíalle encantar. Canto máis lles dure o retraemento, máis gozarán no seu corpo dese delicioso arroz con lumbrigante. Que non sexa así (¡mesmo recorren a laxantes!), é síntoma claro de snobismo. Un snob non tarda en contradicirse.

     Contareivos o que me pasou con Charles Bukowski. A súa literatura é tan porca que sempre pensei que era un deses tipos que comía coas mans e follaba co corpo, pero nunha entrevista demostroume que era un snob. O periodista dille: “Vexo que non lle gusta a natureza”. E Bukowski replica: “As putas son naturais”. comida 1Non, señor. As putas non son naturais. Cobran e, polo tanto, como putas, son seres artificiais. Gozan coa mente, non co corpo. Pero non só lles pasa ás putas. Atar á cama a parella ou usar un vibrador poden ser actos moi pracenteiros, non digo que non, pero quen goza é a mente, non o corpo. Kafka, incapaz de gozar co corpo, pero o tipo menos snob que poidades concibir, sabendo que con só dicir Quérote ou Posme o acto sexual xa é un acto mental, renunciou a todo contacto corporal e só se puña cachondo no acto mental por excelencia, escribir. “¿Será certo que un pode atar unha moza coa escritura?”, dixo cunha sinceridade maxistral. Todo o meu respecto para el. Non hai nada malo en gozar máis escribíndolle un poema a unha muller que penetrándoa. Na vida, como di o outro, ten que haber de todo. Máis aínda cando pertences a unha especie animal cuxa Historia non é outra cousa que un intento desesperado e inútil de esconder que é un animal.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *