Venus e Diana

Venus e Diana (1)Francisco Ant. Vidal Blanco. Este repaso que periodicamente facemos polas salas de arte, saio coa dúbida da beleza metida na cabeza, e non creo eu que tal dúbida se poida achacar ós efectos primaverais como se fose un adolescente latando a clase. É certo que a beleza non ten definición clara e non só troca o seu concepto con cada opinante, senón tamén con cada época. E se ben Venus e Apolo son os prototipos que sempre se citan como exemplo do sublime, da perfección e ata da proporción idónea, eu hei confesar que sempre estiven engaiolado cun Neptuno entrado en anos que se conserva no museo nacional de Atenas.

Gustos á parte, sempre tiven para min que a muller máis fermosa do mundo, e sen que ningunha deusa divina ou humana se lle poida comparar, é Venus, porque ela non só é guapa en por si, senón que ó largo da historia foi o modelo de beleza que embelesou a crentes, artistas, e imitadores. Venus foi gorda e delgada, alta e rechoncha, cadeiruda, peituda, voluptuosa, sensual, loura e morena. A verdade é que non hai deusa no mundo que tivese tantas caras e tantas formas e que lle gustase a tantas persoas dun e doutro sexo ó largo da historia, xa fose con afán posesivo ou de imitación. Nin Apolo, o seu similar en versión masculina tivo tantos adeptos. Tras ela quíxose facer o mesmo con santas e virxes, pero Venus sempre tivo algo que ningunha outra puido igualar: o secreto encanto da provocación, do pícaro recato, da inocencia disimulada. E iso que esta deusa, por incitar ós pensamentos libidinosos, non podía ter o seu templo nos barrios ricos das cidades, para non contaminar con tales pensamentos ás fillas guapas da burguesía. Venus nunca foi virxe, pero rodéase dunha atractiva aura de pureza, aínda que todos sabemos que agochaba ó seu amante mentres o esposo pasaba as horas batendo ferro na fragua. Venus era guapa pero moi voluble. E sen embargo, ou tal vez por iso, todos eles a desexan e todas elas a envexan. Por ter, ata o fillo que tivo non foi de matrimonio senón de amante.

Pois ben, aquí temos ó amigo Xulio levándonos a contraria unha vez máis, asegurando que a bendita para gustar ten a fama ó seu favor, o sanbenito, e el a quen si quixera ter por compañeira, se a cousa fose posible, é a Diana, a cazadora, a deusa da vexetación salvaxe pero tamén a deusa da noite, a única, xunto con Minerva, de todo o Olimpo que fixo votos de castidade e cumpriunos. Que outra cousa non terá esta Diana, pero cumpridora da palabra dada si foi. E prefírea a pesar de que arrastra certa fama de brutiña. Pero é que entre elas hai unha diferenza esencial, pois se Venus é a beleza de tocador, Diana e a beleza de ximnasio, diferenzas que van máis aló dunha simple actitude.

Diana tamén é guapa, e anda no límite do misterio cando se fai habitante dos bosques frondosos e incultos, sen medo a atopar a ninguén no seu deambular cinexético, ou cando só o luar alumea o seu camiño, porque contra a firmeza de carácter que ela amosa, ninguén se atreve. Ela ata mete medo polo vingativa que pode chegar a ser contra aquel que a desprezase ou non seguise os seus consellos, talvez por iso non ten tan bo creto entre os devotos da beleza, e sen embargo non lle faltaba sensibilidade á tipa, que chegou a namorarse dun pastoriño, e cando o mozo durmía, ela acercábase a bicalo con tal suavidade, que o rapaz nin espertaba. E así controlaba ela o desexo e a virxindade.

Claro que, como nos recorda Durero e outros moitos, a beleza humana só é unha efémera ilusión que dura unas décadas, polo que a procura da mesma, ha de buscar elementos capaces de vencer o tempo, e nisto si que cada quen ten as súas preferencias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *