Teoloxía dunha camiseta laranxa

cruyf2X. Ricardo Losada. Nada máis saber que morrera meu irmán Tucho, pensei na outra vida como algo moi negro. Pero cando, xa no tanatorio, me fun tranquilizando, impúxose, para a miña sorpresa, a cor laranxa. Foi tras recordar o mellor regalo da miña vida. Tiña catorce anos, era sábado pola mañá e meu irmán Tucho volvía da Coruña, onde estudaba Aparelladores. Sen dicir nada, con aquela falta de afectación que o caracterizaba, deume unha bolsa e agardou que a abrise. Non podía crer o que vía. Era a camiseta auténtica da selección holandesa de fútbol: cor laranxa e tres franxas brancas da marca Adidas nos ombros, un regalo hoxe habitual pero, daquela, un luxo.

     Cinco meses despois, sigo vendo a outra vida de cor laranxa. Non sei que supón no debate entre crentes e ateos, pero para min é crucial. Se a outra vida ten a cor laranxa daquela camiseta, non pode ser un lugar tétrico, e agora, cada vez que visito o panteón de meu irmán, vou de bo humor, mesmo cando, como outro día, se me deu por pensar nun debate de fonda raíz teolóxica, similar a aquel que acontecera na Escolástica sobre o prepucio de Cristo. Como é ben sabido, por nacer xudeu, a Xesús extirpáronlle o prepucio ao pouco de nacer, un cacho de carne que, por ter, como o resto do seu corpo, carácter divino e eterno, non pode podrecer. Logo existe, e, se existe, preguntábanse os grandes teólogos medievais, onde está.consumismo ¿Quedou na terra agardando a resurrección da carne ou ascendeu ao ceo con Xesús? Era o mesmo problema que tiña eu. Se a outra vida era da cor laranxa da camiseta da selección holandesa que me regalara meu irmán, ¿tiña tamén as tres franxas brancas da marca Adidas ou esas franxas quedaran na terra? Non era un problema menor. Eu nunca fora partidario do consumismo e parecíame unha atrocidade que na outra vida tamén houbese multinacionais. Recordei unha frase marabillosa de Kurt Vonnegut: “Teño malas noticias. Os marcianos aterraron en Nova York e hospédanse no hotel Waldof Astoria”. Tamén as miñas serían malas noticias. Os homes aterraron na outra vida e visten de marca.

     Solucionei o dilema cando me decatei que, se lle preguntaba a calquera afeccionado ao fútbol de que cor era a camiseta da selección holandesa, diría laranxa, e non laranxa e branco. De feito, aquela marabillosa selección holandesa da miña nenez coñecíase como a laranxa mecánica e non como a laranxa mecánica con tres franxas brancas. Esas franxas eran accidentais, non esenciais, na camiseta holandesa. Logo quedaran na terra, e podía durmir tranquilo. Na outra vida non existía o consumismo. Problema resolto. Pero había outro que non me saía da cabeza. Se a min a outra vida me parecía laranxa por aquela camiseta, aos afeccionados do Madrid habíalles de parecer branca, aos do Barcelona, azulgrá e aos do Deportivo azul e branca.cruyff3 ¿De que cor era realmente? Pensar, como pensei, que cada ano cambiaba de cor en función de quen gañase a Liga –era como chamarlle cambiachaquetas- pareceume demasiado frívolo. Ademais, ¿que liga? ¿A española, a italiana, a inglesa? Non saín de dúbidas ata uns días despois. Así como a Igrexa solucionara o problema do prepucio tras revelarlle Deus a unha monxa que o resucitara con Xesús, eu resolvín o meu con outra revelación, aínda que bastante máis pueril. Lendo o Marca decateime que ningún equipo de fútbol viste de negro. Fose da cor que fose, a outra vida non era de cor negra. Quizais por iso haxa tantos afeccionados ao fútbol, pensei, e aledeime de que meu irmán fose un deles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *