Amadou

733747Agustín Agra. A Amadou sempre lle gustou o fútbol. No seu país natal botaba partidos interminables nunha chaira térrea na que catro pólas de acacia espiñenta facían as veces de porterías. Ante a escasa consistencia dun balón feito cun feixe de trapos cosidos, para que precisaban calzado os compañeiros que entraban e saían do xogo?

            Amadou viviu ata os dezaoito anos nunha poboación do interior do país próxima ao río Senegal. Alí, ademais de contemporizar ao amparo dunha sombra, nada había que facer. Despois dun sen número de vicisitudes propias dun documental, conseguiu atravesar o estreito ao primeiro intento. Ás poucas semanas recalou en Vigo. Alén da curta travesía que o trouxo ás costas de Europa, xamais navegara. Malia a súa inexperiencia, enrolouse nun arrastreiro do Berbés; os caladoiros do Gran Sol pronto se converteron na súa paisaxe cotiá.

            Un serán, apenas sen tempo para desembarcar da última marea e tomar unha ducha na pensión onde paraba cando estaba en terra, dirixiuse a cear na compaña duns amigos. Nunha rúa próxima ao peirao abordouno un home –como o propio Amadou o describiu– groso, pelado e suorento. O individuo andaba á procura de xogadores. Se eran habelenciosos coa pelota, tanto mellor; pero o máis importante, alén da nacionalidade, era a cor da pel. Ramón –con ese nome se identificou o cazador de talentos– precisaba de inmediato, para o mesmo día, cinco xogadores cun único requisito imprescindible: seren negros.

            A segunda vez que o trouxen a dedo dende Portosín, onde agora traballaba, contárame que a orixe do problema radicara na falta de pagamento por parte da federación do país africano aos seus seleccionados. Dese xeito, reviravoltas do destino, Amadou acabou disputando, en troques dunha paga irrisoria, un partido internacional.

            Ben sei que é difícil de crer –engadira divertido Amadou para rematar a historia–, mais só tes que acudir a internet e buscar polas imaxes do partido. Foi en Balaídos, no Nadal do 97. Alí podes verme xogar, vestindo a camisola de Camerún, contra a selección galega. E tampouco penses que nos foi tan mal: aquel encontro rematara en empate.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *