Celebración, o corpo trenzado da linguaxe

Gonzalo_Hermo_Celebración.2Román Arén. Coa publicación de Crac ficou claro que nacía unha voz nova, unha voz chea de promesas, na poesía galega, a voz de Gonzalo Hermo, de Taragoña. Unha voz máis alá da saudade e da esperanza oca, unha voz múltiple, dialóxica, na que a metáfora do propio corpo é transposición de toda meditación, camiño de futuro, lugar do canto, das palabras, palabras que son carne, carne alén da morriña, consciencia para esquecer e camiñar contemplando o mundo de novo. Agora Celebración, da nova editorial Apiario, que coido que promoven as poetas Dores Tembrás e Antía Otero, vén confirmar o que xa viamos. Non hai quietismo, mera contemplación, a morte sen temor, parte da vida, epicureísmo duro e gozoso, esquezo cordial para ser sempre para diante. E linguaxe, linguaxe vencellada ao corpo, ao sangue, sempre para camiñar. Porque o eu, os eus, dialogan tamén coa obra anterior: “No teu libro eu son / un rapaz servil que limpa a casa”, escríbese en “Despois de Crac”. Porque “hai frío, ás veces, na escritura. / Algún momento de pericia onde os números cadran / cando el e eu esvaecemos / ao paso do / poema. / Como un alarido / ou un transo…” E despois do crac, ir “contra a saudade”, “a escrita é un único presente / que camiña / polo río ao través…”, mais o río “non vacila, pero lembra”. Pero da frialdade, o eu que canta vai á esperanza: “Non había luz na espesura do bosque. / Pero de pronto / puidemos ver. / Viamos”. Gonzalo-HermoConfirmación, pois, dun poeta xa significativo, dunha voz nova, de  futuro, que dialoga con outras voces (Gamoneda, Derrida, Lopo, Chus Pato, E. Velasco). Unha voz non demasiado lonxe doutros poetas de noso que aparecen (penso en Carlos Callón), que falan co corpo, que liberan o eu a través da carne. Porque “o ollo entregado dun home que fun / soubo dos nomes do mundo que negan a carne”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *