Malditas dietas

bacanalFrancisco Ant. Vidal Blanco. Síntoo moito polo meu amigo Tucho, a quen lle deu por facer dieta para lucir abdominais na praia de Riazor, e aí o vedes, na Parrillada Gardel, fronte a toda a panda de gaiteiros que somos, todos con cadanseu coitelo de dobre gume fronte a unha fonte de churrusqueira carne pingona, co viño servido en cunca de medio litro mentres el, por non perder a compaña, de cabeza ladeada mira para nós por encima dun prato de leituga sen adubo e o copo de auga sen gas. Mirándoo, dáme pena e aínda odio máis as dietas por estética e bendigo os praceres sen vicio que nos alegran a vida.

Un dos problemas das dietas é a necesidade que teñen os seus acólitos de usar dietarios de control diario, para cada día da semana e para cada comida do día, medida en gramos e exclusións, como se non tivesen máis cousas en que pensar na súa vida, o cal produce certa preocupación en quen tal padece e mágoa en quen tal contempla. Porque hai que ser moi mala persoa para non compadecerse do amigo que non pode saborear un chouriciño asado ou mollar sopas no prebe do marmitaco por mor dun ou dous gramos de graxa na barriga.

A primeira preocupación dos adictos a dietas é esa constante medida do tamaño da cintura e o movemento expansivo da agulla da balanza, pero o peor é que sen ser un verdadeiro problema de saúde (que a maioría delas fanse por puro gusto e insólito sacrificio), amárganche calquera comida pontificando con normas que producen mala dixestión, como que o medre das uñas é causado pola inxesta do calcio que tomas co leite, e están todo o tempo falando das bondades da súa insípida fame e do mal que envellecemos os demais, do mala que é a carne vermella para os leucocitos e o viño capaz de acelerar a bomba cardíaca ata facerlle saltar o pistón, mentres que eles, seguindo a canción aquela das verzas sen unto e as nabizas sen aceite vannos enterrar a todos. E Afonso, que é moi serio para isto do bo xantar, agradécelle ó amigo Tucho as futuras coroas coa fita de «o teu amigo non te esquece», e tranquilízao, que non lle deamos pena que iso é o que os bos comedores se aforran: coroas para os funerais dos amigos.

E como o meu amigo Xulio tampouco cre nesas dietas feitas por estética e só se fía dos réximes que a medicina impón, cada vez que alguén lle fala das marabillas do uso e abuso do kiwi macerado en zume de laranxa, saca un papeliño do médico de cabeceira coas instrucións culinarias resumidas nun par de frases: comer de todo, sen abusar de nada.

E lembro agora a amigos de bo dente, a aqueles que non lle apartan a vista nin lle poñen a figa a unha caldeirada de raia ou a unha lacoada, que aí andan sempre coa alegría desbordante, cos coloretes na cara e co ánimo disposto para apuntarse ó que sexa, que non sei por que todos os amigos de carnes anchas levan a alegría canda eles e todos os fracos e esqueléticos semellan anuncios dunha funeraria ata producir certa amargura nas súas almas e tristeza en quen os ve. Igual é esa e non outra a razón pola que a pasarela da moda de París prohibe a delgadeza manifesta nas súas modelos, para que recuperen a alegría e lla transmitan a quen vai mercar as roupas que elas amosan, que das untuosas musas de Rubens ninguén apartou nunca os ollos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *