De novo, Willa Cather

willa catherElisa Lobeira. A boa editorial que é Nórdica, que tantas cousas nos descobre a todas, que ten en catálogo a Dinesen e Flann O’Brien, a Cortázar e a Chejov, publica El caso de Paul. Un estudio sobre el temperamento, en tradución de Aurora Echevarría, que xa coñecera outra edición en Círculo de Lectores en 2001. O relato foi editado pola autora en 1905, no libro de contos O xardín dos Troll.  É a historia da contradición da alma do artista, do diferente, nunha cultura materialista.

Baseada nun feito real, a historia de Paul, bicho raro, é a da frustración, da inadaptación á vulgaridade, da crenza de que os cartos nos poden salvar da fealdade, a historia do soño da gran cidade. E esta historia está contada por Cather con tenrura e desapego, nun xeito de narrar que deixará pegadas na Porter, na Welty e en Alice Munro. A historia dun suicidio que, no fondo, causa o aburrimento, a vulgaridade e a esperanza. “Cando chegou o intre adecuado, deu un salto. Mentres caía, comprendeu con claridade desapiadada a necidade das súas présas, a inmensidade de todo o que deixara por facer”. Cando o mecanismo de fabricar imaxes é destruído “Paul caeu de novo no inmenso deseño das cousas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *