Parindo ras. Unha fábula amarga

la mandrágora 1Miguel Mariño. Foi Luís Pousa quen me puxo sobre a pegada do libro que vos recomendo, na súa sección “El rincón del sibarita” o 27 de marzo deste ano, sección que sempre descobre libros dignos de lerse, pero iso si, en castelán, orixinario ou en tradución. Son as cousas de <La Voz de Galicia> e o “bilingüismo harmónico”, forma fina de diglosia e discriminación. A obra é La Mandrágora (si, como a comedia de Maquiavelo), pero non é unha fábula “ad usum delphini” nin unha comedia. Ten a cerna amarga e a mensaxe ambigua, como non podía ser menos vindo de quen vén, Jean Lorrain (1855-1906), un dos deuses maiores do pavillón decadente de fins de século XIX. É dicir, do autor da segunda novela máis característica do Decadentismo, Monsieur de Phocas, porque a primeira foi Á rebours de Husmans. Retou a duelo a Proust, foi amigo da gran Rachilde, pintado “en pose” fachendosa por Paul Deval, xornalista acedo, homosexual agresivo, pero que deu o mellor da súa imaxinación e do seu estilo nun conxunto de fábulas de difícil clasificación. A edición, moi fermosa (e barata), de Reino de Cordelia, e a tradución de Alicia Mariño, que a prologa, e de Luis Alberto de Cuenca. Vai acompañada de fermosos debuxos de Marcel Pille, que proveñen da primeira edición en volume en 1899, porque na edición de 1894 en <Le Courier Français> tiña ilustracións de Jeanne Jacquemin.

la mandrágora 2Historia que a propia tradutora cualifica de orixinal, extravagante, irónica, cunha mestura de tenrura e crueldade, produto do distanciamento estilístico do autor, que ademais dá á obra unha forte carga onírica. Así comeza: “Ao saberse que a raíña dera a luz unha ra, a consternación fíxose dona da Corte”. Con este inicio un xa pode esperar de todo, ata o final coa morte da raíña Godelive e da princesa Ranaïde, unha encarnación da ra. A obra, cren algúns, que nos pon perante a DIFERENZA, o triste fado dos que son “raros”, pero non estou seguro de que esta interpretación non estea contaminada da “falacia autobiográfica”, identificando o nacemento da ra coa ostentación “contra natura” de Lorrain. Luis Pousa fai dúas lecturas suxestivas: pensa no Gregorio Samsa de Kafka (e o humor non é diferente) e cre que a obra é unha cruel fábula sobre qué podemos ou non ser. O que si é certo é o que afirma: esta fábula cóllenos polas lapelas, dispara na fronte do lector e ten unha violenta e antiga beleza, a beleza dos contos clásicos.

Van volvendo os vellos fantasmas: Lorrain, Mirbeau, Schwob, Judith Gautier, Barbey d’Aurevilly, Huysmans, Bloy… Un festín rico e acedo para o lector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *