Paisaxes efémeras

paisaxes efémeras
Foto: Beatriz G. Canitrot

Pedro García Vidal. Na zona temperada do Planeta en que nos atopamos, a natureza mide o paso do tempo polas estacións. Na extraordinaria viaxe deste «pequeno punto azul pálido» arredor do sol, a precisa inclinación do seu eixe sobre o plano da eclíptica permítelles aos habitantes desta parte da Terra o fantástico privilexio de contar con catro estacións ben diferenciadas.

O reloxo biolóxico actívase na oscilante perpendicular solar entre os trópicos. Solsticios e equinoccios gobernan as horas de día e os cambios obedecen a ese mandato. O adormecer e o espertar, o letargo e o bulir da vida…, o ciclo estacional manda. Actividade e calma sucédense no tempo, e ese vaivén ten un reflexo fiel nas paisaxes: as estacións como sucesión de paisaxes efémeras invariablemente substituídas por outras equivalentes.

Na invernía, a auga e o frío colonizan a maior parte das paisaxes. A auga oculta faise visible ao arrefriar o aire: persistencia de néboas nos vales, condensación de humidade e formación de nubes. Paisaxes grisallas de gran beleza, paisaxes diminutas e efémeras que desaparecen coa saída do sol.

Se algo caracteriza a primavera é o extraordinario espectáculo da floración, o novo espertar da vida vexetal. En Xapón, o Hanami, que quere dicir «observar flores», baséase nunha tradición milenaria e hoxe trátase dunha das festividades favoritas dos xaponeses, o período de chegada da flor da cerdeira que simboliza cambios, un novo comezo. Ao igual que os xaponeses, aprendamos a contemplar o fermoso espectáculo floral, ese xúbilo efémero da natureza, que viste de cor e aromas o ar.

O verán é tempo de calores. Por iso a auga, sempre atractiva, multiplica o seu engado. Os vales dos ríos ofrécense como remansos de frescura e de calma como alternativa a unhas praias ateigadas de amantes do balbordo e do sufoco. Unha cuberta vexetal múltiple acada nas ribeiras o seu punto álxido e o verde domina as paisaxes. A tan ampla diversidade vexetal corresponde un universo animal múltiple, onde as diferentes especies de paxaros e aves constitúen a parte sonora da paisaxe, o bulir como festexo da vida nova.

A outonía trae o retorno á calma. En Navarra, o faial de Irati acolle turistas de todos os lugares do mundo para contemplar as infinitas tonalidades cromáticas das follas a morrer na gozosa outonía.

Nestas vellas terras de Galicia, os soutos e carballeiras amósanse espectaculares no intre en que a caediza cuberta comeza a espir o bosque para o sono invernal.

Camiñar con mirada despexada engade un atractivo máis ao sinxelo pracer de pasear como é o goce de paisaxes varias, que teñen o sabor do efémero. Como Thoureau (Massachusetts,1817-1862), sen dúbida o mellor expoñente da exaltación das excursións pola natureza -«todo o bo é salvaxe e libre»- pero a unha escala máis local e íntima, gocemos do camiñar por paisaxes cambiantes.

Enfrontados ao silencio, descubramos e interpretemos esoutras paisaxes efémeras e fugaces que nos rodean e ás que apenas prestamos atención pero que teñen, na maioría dos casos, unha importantísima dimensión social.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *