«Daturas», de Sofía Regueira

As Letras da Arte. Abril. ImaxeAntonio Piñeiro. Dos nenúfares dicía Monet que pasaran a ser coma a obsesión cromática dos seus días. Practicamente, os últimos anos foron os dunha complicidade entre a ensinanza desa natureza cambiante e a súa propia evolución coma artista. As flores (a natureza) facilítanlle ao pintor a comprensión de sutís linguaxes, intres, cores, luces, realidades cambiantes. Sofía Regueira -coido- está niso mesmo. A flor é un estudo/estado do tempo. Da subxectividade coma auténtica presenza. A flor é unha maneira pictórica de estar neste xardín con areas que é a vida.

Hai unha luz, nos cadros de Sofía Regueira, que semella ir, ser outra, en calquera momento, cousa que facilita, si, o seu coñecemento da acuarela, e que ela mesma reafirma coa implicación dos insectos pousados (o cabaliño azul da esquina superior dereita), entrando ao tema por ese concepto de transitoriedade (a urxencia da mosca, o ímpeto do saltón ou o élitro da libélula).

Sofía Regueira presenta na Galería O Faiado tres liñas de traballo interesantísimos: os pequenos recullos-paisaxe en formato de ilustración, as estampacións coa técnica do collagraph, e as composicións sobre lenzo, que son, dende o meu punto de vista, as máis engaiolantes. As dúas primeiras darían xa, cada unha, para outro artigo. Na terceira detéñome agora porque atopámonos diante dun uso pouco habitual da representación pictórica: un orixinal narrativismo. A idea do insecto pousado é xa toda unha declaración de intencións. Os flamencos facíano moito, ás veces preto de crenzas e esoterismos, outras polo carácter simbólico. Unha mosca (animal detrítico) sobre a seda dun pano de man (luxo), ou sobre un mantel con restos de comida (o paso do tempo), ou sobre a meixela dunha doncela (futilidade). Dalí facíao tamén. E menciono a Dalí porque vexo en Sofía unha certa vea daliniana no imaxinativo, cerebral.

Estas Daturas están entre unha foresta tupida do aduaneiro Rousseau e un ramallete de Durero (el tamén poñía insectos), pero quen poida pasar a ver a exposición en persoa, atopará especialmente gorentosa a fábula da serea-crisálida, á que lle sae a cola coma unha febra tecida por unha máquina de coser Singer, que á súa vez fai de agulla-roca dunha seda que obtén do leito dunha patela. Un dos máis suxestivos relatos pintados que teño visto hai moito tempo. O mesmo cá ventá con bolboretas cuxas ás son as aspas duns muíños de vento que interpreto coma metáfora fermosísima da propia futilidade.

A obra de Sofía agroma riquezas. Aí a súa verdade. Mais non quixera rematar sen dicir que atopou un lugar ideal na proposta galerística do Faiado de Ribeira. Entre o peculiar espazo, hibridador da plástica-artesanía-acción-arte barbanzá, e os cadros de Sofía Regueira hai un acaemendo, iso que se di química, sen dúbida especial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *