Eses outros daí

a balsa da medusaFrancisco Ant. Vidal Blanco. Non se pode dicir, que «non» todas as mortes son iguais, porque igual nos tachan de racistas ou algo semellante, pero a verdade é que non nos doen por igual os mortos do noso mundo cós do outro, aínda que os nosos vaian en avión a chorro e os outros veñan nunha xangada de canas. Aí tedes as costas de Italia, onde estes días, en grupo de varios centos de refuxiados que fuxían da guerra abordo de caiucos, para abrirse camiño no mundo do benestar, naufragaron fronte as costas europeas por sobrecarga, e moito me temo que a súa memoria entre nós non dure moito, que axiña nos esqueceremos deles, ata que afogue a próxima remesa, sen que ningunha autoridade se digne en facerlle un funeral ou erguer un monólito na súa memoria. Ata non sei se en algún sitio gardarían un minuto de silencio por eles.

Seguramente, nesta parte do mundo na que estades lendo estas liñas, habedes de ter escoitado as vicisitudes dalgún veciño ou familiar que por chegar ó primeiro mundo, non hai máis de cincuenta anos, arriscou a súa vida de maneira insospeitable, e como seguramente ningún de nós faría hoxe en día. Non é o mesmo nin se trata de comparar, pero axuda a entendelo. Os nosos non ían en caiuco pero ían igualmente cargados coas maletas da desesperación e no límite da dignidade. Só é cuestión de preguntar como fuxiron dunha guerra, dun país convertido todo el en campo de concentración, ou simplemente como procuraron o amparo dun mundo máis digno para comprendermos as que están pasando esas persoas que se atreven a cruzar o mar en canoas sen leme e moitas veces ata sen patrón. É o viacrucis dos «negriños» de cada verán, quen como aqueles nosos avós, chegan sen papeis e agochados onde poden para procurar unha vida decente, fuxindo dos xendarmes de inmigración mentres non conseguen un traballo con que xustificar que non son uns maleantes, e coa esperanza de ter algún día unha pensión en euros, francos suízos ou dólares americanos.

Eses daí que veñen fuxindo do medo, da aldraxe e da morte, amosan a heroicidade da desesperación.  Veñen fuxindo da fame e da falta de medios para remediala, que non é a falta de terra precisamente. Atopan a morte nunha porcentaxe de escándalo e seguen intentándoo aínda que ninguén fai nada por remedialo, como moito implorar un «probiños eles», e a seguir que isto non é cousa nosa, e cando se salvan e entran en Europa, polo postigo dos gatos, habemos de sinalalos porque son a nosa competencia laboral, os que se veñen aproveitar dos beneficios da Seguridade Social e a rebaixarnos os salarios, como se eles non cotizasen e deixasen a súa plusvalía no país de acollida, para mellorar a renda e asegurar as pensións dos nativos.

O emigrante sempre é un exiliado, un repudiado e un sinalado; un obreiro mal cualificado (que non sen cualificar) que se autodefende de si e dos alleos, xa italos contra irlandeses ou musulmáns contra cristiáns, como pode. Entre os meus veciños cóntanse os emigrantes que casaron cunha ou cun nativo do país de acollida. Entre os meus veciños aló onde se xuntan, sempre teñen os seus bares, restaurantes e tendas de paisanos. Pero aquí, estes outros, son sinalados co dedo e queda prohibida a entrada en locais onde se xuntan subsaharianos, chinos ou mouros como se fosen as covas do inferno.

Non, nós non somos racistas pero tampouco somos solidarios. Nós, como bos cristiáns, lamentamos esas mortes dos caiuqueiros, pero pasamos a páxina para ver como quedou o noso equipo, que nesa mesma xornada xogaba entre berros de euforia e fume de cigarros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *