Mulleres escritoras do século XIX (V)

literatura femininaElisa Lobeira. Neste percorrido demorado pola obra Escritoras na Galicia do século XIX, non quero esquecer citar outra obra, importante para acceder aos textos das autoras en lingua do país: Literatura feminina e feminista da segunda metade do século XIX. Antoloxía (1996), a cargo de Pilar García Negro, Francisco Rodríguez e A. Gómez Sánchez, onde as lectoras e lectores poden acceder aos poemas galegos de Constanza Verea, Nicolasa Añón, Clara Corral, Sarah Lorenzana, Avelina Valladares, Ramona de la Peña, Filomena Dato, Francisca González Garrido, a carón de Rosalía, pero que son de máis difícil acceso, sen esquecer os textos de Esperanza Roca e Arminda Flora Serrano.

Pero nos inicios da recensión critiquei a entrada dedicada a Emilia Pardo Bazán, da autoría de Mª de los Ángeles Ayala Aracil. Non é certo que dona Emilia empezara a súa carreira literaria en 1876 e de probalo xa se encargou Miguel D’Ors, quen publicou a novela da autora escrita cando era unha adolescente. Pero o que me molestou da entrada é a ignorancia das relacións da autora de Morriña coa cultura galega, difíciles e ambiguas con respecto ao noso idioma e a Rosalía, as polémicas con Murguía e Curros ou os libros que edita en Galicia. Non é propio dun repertorio publicado en Galicia. Mellor sería que a redacción da entrada se lle encargase a Marina Mayoral. Ou a José Manuel González Herrán, ou a Cristina Patiñó Eirén.

morriñaKirsty J. Hooper é a responsable das entradas de Sarah Escarpizo, Francisca Sarasate e Sofía Casanova. Pouco que dicir, están feitas sen solvencia, pero no caso da primeira non estaría de máis anotar que tamén escribiu poesía en galego, como ben o fixo Carballo Calero, pois é un dato de interese nun catálogo de escritoras editado en Galicia.

Anoto agora que moitas das escritoras foráneas publicaron noutras revistas e xornais galegos:

-Aurora Lista no <Álbum Literario> (1888-1893).

-Josefa Ugarte en <La Revista Compostelana>.

-Concepción Gimeno Gil en <Gaceta de Galicia>. Existe ademais un artigo do ano 2000 de Romero Marín sobre esta autora.

E fago a suxestión doutros nomes para investigar:

-Vizcondesa de Barrantes, que colabora con outros autores galegos nunha homenaxe á Purísima, San Xoán e Santiago, impresa en Lugo en 1898.

-Eduarda Moreno, autora de Ramillete de azucenas (1867), Ayes del alma (1875) e Oda a la Virgen (1878).

-Avelina Pérez de Font.

-María Antonia Josefa Serrano.

Por último, Carolina Soto non será a sevillana Carolina Soto y Corro (1860)?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *