Os intelectuais non teñen infancia

tertulia 1X. Ricardo Losada. Nunca me gustou esa obsesión de certas persoas polas conversas interesantes, se con conversas interesantes entendemos falar sobre temas profundos con puntos de vista profundos. Pásame algo similar cos faladoiros. Non me gusta quedar para tomar un café conversando intelectualmente sobre temas prefixados. Non sei por que pero sempre os asocio con certo intelectual galego (con moitos méritos noutros aspectos) que ten fama de gran orador, e que a min, a única vez que tomei café con el, recordoume a oratoria daqueles cregos do franquismo que te ameazaban co inferno. En canto abriu a boca (e xa non a pechou en media hora), tiven a impresión de que subía a un pedestal e que pretendía esmagarme coa súa erudición e autocompracencia intelectual. Prefiro os oradores dubitativos que, mentres falan, conversan e fanche pensar e conversar con el, aínda que non digas nada.

     Tampouco entendín nunca ese afán dalgunhas persoas por coñecer os escritores que admiran. Eu nunca tomaría un café con alguén porque é importante ou intelixente ou ocorrente ou gran narrador de historias ou politicamente afín.tertulia 2 Gústame conversar coas persoas que me traen os azares da vida, esas que chegan sen ningunha finalidade e que quedan contigo por simple roce emocional. Esas que nunca sabes precisar cando e por que as coñeciches. Aínda que me caian mal, aínda que levemos anos sen vernos, en canto nos atopamos, notamos que non perdemos un ápice de confianza. Pásame, sobre todo, cos amigos de infancia. Na miña memoria emocional teñen dignidade aristocrática, e as conversas con eles na rúa, contándonos con naturalidade as cousas das nosas vidas, teñen o encanto desa felicidade que consiste en atopar variedade na repetición. É unha das vantaxes, e non menor, de vivir na vila natal.

     Conta Natalia Ginzburg que cando Cesare Pavese estaba cos amigos nunca dicía nada. E que eles, crendo que o decepcionaban, intentaban dar o mellor de si mesmos intelectualmente. Cando lin por primeira vez esa historia, imaxinei que a Pavese lle pasaba como a min. Farto de estar todo o día lendo libros, necesitaba amigos (eu tíñaos, el non) que conversasen sobre as cousas da vida diaria como os seus amigos de nenez, pero eles, malinterpretándoo, esforzábanse por seren cada vez máis intelectuais. Así, as poucas veces que abría a boca, tratábaos, como di Natalia Ginzburg, “con brusquidade, e non nos perdoaba ningún dos nosos defectos”.tertulia 3 Teríano evitado se soubesen o que Pavese escribía no seu diario: “Todas as paixóns pasan e vanse apagando, agás as máis antigas, as da infancia”. Non lle molestaba que aqueles amigos fosen pouco, senón demasiado intelectuais. Esa foi a verdadeira causa de que vivise amargado, e de que acabase suicidándose sendo un dos escritores italianos de máis prestixio. Hai un dato significativo. Pouco antes de suicidarse chamou a dúas mulleres para que fosen cear con el, e rexeitárono. Despois chamou a varios amigos, pero non estaban na casa. Finalmente chamou a unha moza que coñecera uns días antes nun baile, e ela díxolle: “Non vou porque tes mal carácter e abúrresme”. Pavese colgou o teléfono, deitouse e tomou dezaseis pílulas de somníferos e un veleno. Estou seguro que non fixo aquelas chamadas para ter unha conversa interesante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *