Elisa Lobeira. Remataba a nota anterior falando dun dicionario de literatura galega, o coordinado por Dolores Vilavedra, que, con todos os límites que se lle poñan, foi un fito na literatura galega polos miles de datos e xuízos dos que nos fornecía. E penso que, agás nos casos de Rosalía e a Pardo Bazán, sería relevante citalos en moitas das voces deste repertorio, porque indican o grao de coñecemento e os datos que xa se posuían, e tamén o grao de divulgación das autoras. E isto mesmo serve para as antoloxías, sen as que non se entende ningún sistema literario. Xa fun citando algúns, pero indico uns cantos que considero imprescindibles:
-RODRÍGUEZ SÁNCHEZ, Tomás: Catálogo de dramaturgos españoles del siglo XIX, Madrid, 1994.
-GÓMEZ GARCÍA, Manuel: Diccionario del Teatro, Madrid, 1997.
-VILAVEDRA, Dolores, coord.: Diccionario da literatura galega I. Autores, Vigo, 1995.
-URRUTIA, Jorge, ed.: Poesía española del siglo XIX, Madrid, 2008. Leva un estenso e bo estudo e inclúe a Concepciçon Arenal, Manuela Cambronero e Rosalía de Castro, pero tamén a Pilar Sinués, Mercedes Velilla e Faustina Sáez de Melgar, entre outras.
-COSSÍO, José María de: Cincuenta años de poesía española (1850-1900), 2 Vol., Madrid, 1960. Das galegas están Rosalía, Emilia Calé, Concepción Arenal, Narcisa Pérez Reoyo, Isabel Villamartín, Pardo Bazán, Filomena Dato, Constanza Verea e Sofía Casanova, pero en total inclúe vinte e seis mulleres.
-FERRERAS, Juan I.: Esbozo de un catálogo de novelas y novelistas españoles del siglo XIX, Madrid 1979.
E xa que falamos de bibliografía, é de moito interese a entrada de Rosalía de Castro escrita por Carmen Blanco, feita en clave feminista, pero é moi criticable a bibliografía. Non vale ampararse na compilación bibliográfica, tan meritoria, feita por Aurora López e Andrés Pociña, que remata en 1990. Hai bibliografía importante neste vinte e cinco anos e cómpre lembrar Rosalía de Castro. Estudios sobre a vida e a obra (2000) de López e Pociña; Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (2011), de Francisco Rodríguez (aínda que moleste á “casta” académica); Rosalía de Castro na prensa barcelonesa (1993) de Carme Hermida; Esbozo para unha biografía de Rosalía (1995) de Vázquez Rey; O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo (2010) de Pilar García Negro, só por citar algunhas. E non debe esquecerse o nome de Victoria Álvarez Ruíz de Ojeada, que tantos datos aportou á vida de Rosalía, autora dunha útil “Bibliografía Rosaliana (1899-2002)” (<Revista de Estudos Rosalianos>, 2, 2002).