Dende Xiá

xia1Xosé Manuel Lobato. Unha almenara que despois de varios séculos segue alumeando, a súa é unha ousadía da resistencia pola sinxela existencia ou talvez polo pracer de permanecer.

Diversos acontecementos enfrascados no tempo contemplan este fogo desconfiado, temeroso de esvaecerse sen deixar un rescaldo do que novamente volva  emerxer a súa vitalidade e servizal misión.

Brasas que se consomen na amea da pétrea fortaleza de Narla, a súa é unha odisea que supera os estados físicos, para acadar a solemne espiritualidade formando un tridente de íntima familiaridade coa cova da Serpe e tamén co Corno do Boi.

Un triángulo perfecto, equidistante baricentro e ortocentro dos seus vértices, unidos todos pola complicidade desas olladas sobrenaturais que forman un enlace de gran valencia.

A fortaleza de San Paio de Narla é na actualidade unha xoia da historia dos últimos séculos. A súa dilatada existencia percorre o sendeiro dun paradigma oculto na Cova da Serpe.

No entanto, o grande enigma completase co Corno do Boi, entre estas tres referencias un constante e sibilino asubío de destrución, desprotección e despreocupación. Porén, un aturuxo na néboa semella que se expande dende a torre da fortaleza, alí, entre as súas paredes fortificadas permanece unha gran exposición.

xia2O museo acolle diferentes xoias do pasado que hoxe son descoñecidas para os máis novos e practicamente no limbo do esquecemento para os de maior idade. Entrar nesta fortaleza é como recuar varios anos e mesmo séculos, situarse ao pé dos cesteiros ou zoqueiros, mesmo saborear o primeiro gorolo do viño novo ou mergullarse no arrecendo do liño nos teares.

Unha combinación de estímulos e sensacións que nos apreixan nun pasado que se resiste a esvaecerse no esquecemento, unha auténtica ledicia visitar estes compañeiros dos nosos devanceiros. Mais, pola experiencia de varias visitas a este museo, semella que o interese pola nosa historia é nulo ou cando menos escaso, non debe ser unha coincidencia que as miñas visitas sempre foron na máis estrita soidade.

Sempre o ser humano, sempre o home está moi ocupado para visitar, coñecer e indagar sobre o seu pasado… Mentres tanto, unha parella de xílgaros brinca sobre unha pincheira do río Narla, moi atentos ás habilidades e adestramento que amosa un picapeixe.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>