Queridas Amy e Courtney: cálidas apertas

amyGonzalo Trasbach. Estou metido nun traballo de formiga que, cando o remate, penso titular “Caligrafía sonora feminina”. E, sen querer, atópome con que dúas das moitas artistas que figuran na miña pequena constelación están sendo noticia nestes días con motivo de cadanseu filme cos que están relacionadas directamente e que espertaron e van seguir espertando controversia nos medios americanos e británicos. Estamos a falar de Amy Winehouse, falecida no 2011, e de Courtney Love, muller do mítico Kurt Cobain, líder de Nirvana e que se suicidou hai 21 anos.

O británico Asif Kapadia é o director de Amy, un documental que se estreará no vindeiro festival de Cannes e que tenta reflectir a existencia da cantante inglesa, pero que arrancou a ira na familia Winehouse, especialmente por parte do pai, quen, ao parecer, é acusado de ser o responsábel de que a súa filla se internase no mundo da droga.cobain Se este documental naceu envolto na polémica, tamén o estivo, aínda que doutro xeito, Kurt Cobain: Montage of Heck, cinta que se presentou recentemente no festival de Tribeca. Neste caso, foi a propia Courtney quen entregou ao director Brett Morgen todo tipo de material íntimo para que o realizador debuxase un retrato amable da vocalista de Hole. Non ocorreu o mesmo coa película Kurt and Love, de Nick Broomfield, cuxo estreo tentou paralizar en 1997, porque neste traballo ela aparece como a “mala” da historia e Kurt como a súa vítima. Diante desta situación, ocorréuseme resaltar unhas notas musicais destas dúas mulleres.

Coma outros malditos do rock, Janis Joplin, Jimi Hendrix ou Jim Morrison, Amy Winehouse morreu aos 27 anos. Nada no barrio londiniense de Camden en 1983, a cantante faleceu empachada de pastillas e alcohol, unha mestura da que se alimentan os voitres dos tabloides ingleses. Pese aos insultos que recibiu en vida, tiña talento e unha fabulosa voz resgada, suficientes virtudes para, recollendo elementos do jazz, do ska, soul dos sesenta e do funk, erguer unha maxestosa épica sónica adornada con xemas coma Tears Dry On Their Own e Me & Mr Jones. backEn Back To Black (2007), o seu disco máis celebrado para min, morde. Ten unha lingua desbocada e o corazón tronzado: muller fatal seducida e abandonada, desangrando romances entre fume e alcohol. Era unha compositora con ideas e unha intérprete descomunal, de voz confeitada e felina. Escoitade bombazos como You Know I’m No Good ou o tema que dá titulo a un álbum no que a diva de Camden arde, queima e alimenta.

No tocante a Courtney Love (USA, San Francisco, 1964), dicir, contra o parecer de a lot of people, que é unha diva con sustancia. Ten sido discriminada sen merecelo. Hole, o grupo que liderou xa hai uns cantos anos, ten un catálogo tan intenso coma o de Nirvana (con permiso dos milleiros de fans do seu falecido e rememorado marido). Non lembramos que alguén chorase pola disolución de Hole, ao fronte dos que ten interpretado magníficas cancións. Achéguense, se queren, a esa tremenda pílula que é My Beautifull Son. Courtney fraguou a súa traxectoria sobre unha sinxela fórmula: corazón alternativo máis cabeza mainstream, que só funciona con talento. Delicadas e cálidas apertas, queridas miñas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *