Xosé Manuel Lobato. Unha ollada que esboza enérxicos e animosos cromáticos, configurando intres nos que se relanza a imaxinación de altas temperaturas anunciadas dende un horizonte fervente.
O cuco pregoa afervoado o momento alado. A súa euforia no voo técese en calquera lugar, as ás son agora os apéndices que se deben exercitar para gozar no ar.
Ese camiñar, brincar ou mesmo cazar sobre o vento somnolento deixa un repouso de variedades e modalidades, actuacións axeitadas a cada especialidade e necesidade. Estes habituais episodios non ocasionan sobresaltos irrefreables, por moi admirable que sexa a exhibición.
Por habitual semella unha transición formal que unhas adeallas te eleven e sosteñan no ar, nese lugar onde se pode visualizar a face terrestre con miradas de alturas. Mais a festa semella que permanece na terra acompañando en xeiras de fortes cromáticos no horizonte.
As grileiras por esta banda do aquelar son sinónimo de boa sorte e fortuna, tamén de moito falar sen nada que contar e, por varias ocasións, tentar enganar.
Porén, cando os idílicos fusco lusco reclaman grandes doses de entusiasmo e lirismo, nese preciso intre, son unhas ás agochadas no subsolo as que saen a escena dos grandes actores. Comeza a súa sinfonía coa masificación sonora que impulsa a presenza exaltada do coroceiro, este dende os roleiros reverbera unha bóveda estrelada de brillante luminosidade.
En todas as grileiras os seus inquilinos axitan ás convulsivamente, mais o concerto é acaído ao lento pardo que nos trae a primavera e o verán. Aquí, nesta época, unha batuta experimentada pode acadar calquera obra que o martelo desexe escoitar.
No entanto, esa batuta debe desprazarse co sixilo da escuridade, así os graves e agudos en acordes de pínfanos van entretecendo unha obra única e sen parangón.
Sen dúbida, experimentar neste ámbito crea e deixa un sortilexio de adicción. Este feitizo traslada a mente humana a unha suxestión sen par. Sons de ás soterradas nunha paixón que alumean con grande intensidade as lucernas dende o chan, mentres as fuxidas estrelas permanecen perplexas nunha cósmica distancia.
Benvida esa sorte que emana das grileiras, o seu son anuncia que aínda están aquí. Seguramente aqueles que polos seus feitos se fan alcumar clase política, non repararon nesta xoia de audición comunitaria, mais os excluídos do aquelar desta orde, tremelican ou tamén tiritan ante a cobiza que manifestan os xardíns políticos, pois en calquera intre esta alfaia musical gozará do ansiado cambio de categoría pública a parcela privada.
Abaten, abanean na proximidade dun inocente lelo, unhas ás que, dende o pórtico primaveral ata que acadan o extenso atrio estival, producen na maioría dos oíntes un estado que lembra a felicidade innata e intensa que emana da natureza.