Burundanga

paisaxeXulio Gutiérrez. A planta da fotografía é unha trompeta do demo (Datura metel), un arbusto inconfundible, moi frecuente nos xardíns de medio mundo. Hainos de flores rosas, amarelas ou de dobre corola e todas desprenden un agradable olor. Pero a douzura da súa fragancia e a fermosura das súas flores agochan un escuro segredo. É unha planta extremadamente velenosa que contén unha substancia, a escopolamina, de enorme toxicidade.

A escopolamina tamén está presente noutras plantas comúns, como o estramonio a mandrágora e a beladona, plantas moi coñecidas e usadas na medicina tradicional. Este composto foi utilizado a mediados do pasado século polos servizos de espionaxe nazis e americanos como soro da verdade. Chamábano «sombra da noite». Empregábase combinado con outros fármacos como pentotal sódico para extraer información dos prisioneiros de guerra. Pero con dubidosos resultados porque nas persoas intoxicadas por esta droga mestúranse alucinacións con recordos reais. Os seus resultados eran pouco fiables. A administración deste tipo de drogas é considerada tortura polo dereito internacional e, alomenos en teoría, os gobernos democráticos non a utilizan.

Hoxe en día a escopolamina está de actualidade mediática porque con ela faise unha das drogas máis infames: a burundanga, tamén chamada droga da violación. A administración desta droga nunha bebida ou por inhalación conduce a unha perda das inhibicións, alucinacións, un estado de estupefacción e amnesia. O resultado é un estado de submisión química e privación da vontade. As autoridades policiais calculan que está detrás dunha cuarta parte das agresións sexuais.

Chegados a este punto parece que a trompeta do demo merece o nome que ten. Pero non sempre foi así e, para ser xustos, merece que contemos tamén algunhas das súas virtudes.

Para comezar diremos que é unha planta orixinaria da India e do sur de China e o seu nome sánscrito (despois latinizado) datura, significa «mazá espiñenta». É unha das cincuenta herbas fundamentais da farmacopea chinesa e foi utilizada desde a máis remota antigüidade para combater a asma e os espasmos musculares.

Os modernos laboratorios occidentais utilizan a escopolamina de forma rutinaria para elaborar preparados medicinais. Como é unha droga de altísima toxicidade, utilízase en doses moi baixas. Seguramente, moitos de nós a temos utilizado en forma de pílulas para tratar o mareo, as náuseas ou as convulsións. Tamén se utiliza para paliar os síntomas da enfermidade de Parkinson, e para dilatar as pupilas nos exames de fondo de ollo.

Non se pode negar que é unha planta fermosa e agradecida porque se dá en todo tipo de terreos e precisa de poucos coidados. Ademais, ten unha floración exuberante durante varios meses.

Hai quen di que non se debe durmir baixo un arbusto de trompeta do demo porque se poden ter sonos luxuriosos moi vívidos e incluso alucinacións. Non creo que sexa verdade porque o que teño na casa nunca me fixo tal efecto pero seguirei sesteando baixo el agora que entra o bo tempo.

A planta ten unha floración exuberante, dáse en todo tipo de terreos e precisa poucos coidados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *