Xornalismo e literatura

literaturaPastor Rodríguez. Nacido en Boiro en 1936, Luis Blanco Vila é licenciado en Ciencias da Información e doutor en Filoloxía Románica. Literatura e xornalismo definen a súa traxectoria intelectual e vocacional. Comentarista político do xornal madrileño Ya, foino tamén de El Ideal Gallego, das revistas Temas e Iglesia en Madrid. Catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada na Universidade CEU San Pablo, onde impartiu aulas durante 34 anos. Froito deste labor filolóxico son algunhas das súas obras fundamentais, que terán o seu cumio en Literatura y existencia. Ensayo metodológico de literatura contemporánea comparada (2013), un extenso volume onde amosa os seus amplos coñecementos literarios, produto non só do ensino universitario, senón tamén da crítica nos xornais, unindo así o rigor á amenidade. É a obra unha grande síntese da literatura dos séculos XIX e XX, do Parnaso aos nosos días, que leva como apéndice as fichas dun número importante de autores, onde conviven nomes moi coñecidos con outros máis esquecidos hoxe como Bahr, Du Bois, Jotuni ou Sillanpää.

Pero Blanco Vila é tamén narrador, gañador de premios como o Café Gijón (Dos días antes y otras antiguallas, 1982), Felipe Trigo (Diálogo con las sombras, 1992), o Doncel de narrativa infantil en 1967 ou o de novela deportiva Don Balón.

Tamén desenvolveu un importante labor como tradutor na Biblioteca de leyes y letras. Cincuenta clásicos universales, labor unido ao de editor e prologuista, sen esquecer outras obras ensaísticas como Madrid al paso. Un paseo cultural (1976), De las costumbres económicas de los españoles (1977), Para leer a Camilo José Cela (1991) ou El Correo Gallego: cien años de aportación a la historia 1878-1978. Autor doutras obras como La caverna de Platón, Un doméstico de lujo (1987) ou La literatura del siglo XX contada con sencillez (1999).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *