Manifesto para humanizar as Letras Galegas

filgueira 1X. Ricardo Losada. Pasou o día das Letras Galegas, e houbo quen se negou a celebralo porque a RAG llo dedicou a Filgueira Valverde, un galeguista que colaborou co franquismo, ata o punto de ser moitos anos alcalde de Pontevedra. Non vou entrar agora nesa cuestión xa moi debatida durante os últimos meses por escritores, políticos e intelectuais de todo tipo. Quixera facer simplemente unha reflexión sobre como creo eu que debería actuar un demócrata nun caso así, tendo en conta que ser demócrata non consiste só en aceptar que haxa ideas e opinións distintas (iso que chamamos pluralismo), senón en valorar que as haxa.

     E se esas ideas nacen nunha institución como a Real Academia Galega, legal e lexitimamente constituída, debemos aceptalas, e valoralas, tanto se nos gustan como se non, sobre todo se somos representantes dunha entidade, organismo ou departamento público, ou que vive de subvencións oficiais. Se parece lóxico esixirlle aos colexios concertados, xa que reciben subvencións públicas, que non segreguen por sexo, tamén o parece que os centros educativos celebren o día das Letras Galegas, independentemente dos gustos persoais dos seus directivos ou xefes de departamento. Defender o ensino público non é defender os meus criterios persoais, como se un colexio ou un instituto fosen a miña finca ou a da miña familia política, senón defender os intereses comúns democraticamente establecidos. Se un profesor cre que na súa aula ou no seu departamento, pode facer o que lle pete, sen render contas á comunidade á que pertence, pode pórse o sublime que queira, pero non admite máis cualificativo político que o de neoliberal.

bandera_galega 3     Pero tamén creo que esa mesma persoa debería aceptar, e valorar, deseguido, que a Filgueira Valverde se lle critique, mesmo con furor (argumentativo, por suposto), algunhas das súas actitudes e conivencias. Porque ese é outro defecto que lle vexo á nosa cultura. A santificación. Dá a impresión de que se a RAG designa a un escritor para o Día das Letras Galegas, a partir dese momento hai que convertelo nun escritor excelso e nunha bendita persoa. Xa non digo nada se pertenceu a algún partido político, asociación ou familia profesional con influencia. Nin sequera se pode insinuar que lle foi infiel ao marido ou á muller. Un alto preboste da cultura galega chegou a reprocharme que insinuase nunha charla (tiven claro que estaba defendendo a súa propia imaxe póstuma) que un escritor galego bebía de máis nas ceas. Pregúntanme moitas veces que faría eu para potenciar o Día das Letras Galegas. Sempre digo o mesmo. Volver a designar aos mesmos autores comezando, como nos anos 1963 e 64, por Rosalía e Castelao. Pero enfocando a súa vida e a súa obra como unha cultura adulta e segura de si mesma. Como di Stella Díaz Varin: “No quiero / que mis muertos descansen en paz / tienen la obligación / de estar presentes”.

 

3 comentarios en “Manifesto para humanizar as Letras Galegas

  1. Benquerida Sofía:

    a) Creo que o meu artigo xa contesta os teus argumentos. Agás un: o de loitar contra o poder. Só direi unha cousa. Desde que sucedeu o que sucedeu no País Vasco, teño moi claro que iso de indignarse contra as ditaduras e iso de loitar contra o poder é un conto que algúns necesitan contarse a si mesmos para soñar que son moralmente superiores. O único que hai neste país (mesmo dentro dos partidos políticos) é loita contra os que non pensan coma min, por moi nimio que sexa.
    b) Cambiei o título do artigo porque mo pediu Tina Formoso, a coordinadora do Equipo de Normalización do IES de Rianxo, compañeira nosa que admiro profundamente pola súa capacidade de traballo, o seu rigor e intelixencia e amor sincero (e transversal) tanto polo galego como polo ensino. E un encanto de persoa nas distancias curtas. Para máis, deume razóns convincentes.
    c) A decisión que tomastes, creo eu, vai en contra do obxectivo, para min primordial, de ampliar a base social do galego. A inmensa maioría dos galegos (eses que debemos atraer) non cre as razóns que dades. Considéranas (polo que dixen máis arriba) unha pose, e un sectarismo. É o que me doe, e a razón do meu artigo, mesmo en contra dos meus intereses como escritor en galego. O único que me interesa é que o valoredes, xa que o voso esforzo, dedicación e compromiso co idioma só merece a miña máis sincera admiración.
    d) Agradézoche un comentario que, desde logo, dá para moitas máis reflexións. Reflexións que agardo poidamos compartir o vindeiro curso.

  2. Veño de comprobar que, na miña resposta anterior, o poema de Filgueira perdeu o formato. Sería este:

    Ao gaiteiro neste ano E lembrándose que FRANCO,
    xa non hay quen o resista: o Caudillo, o seu irmán,
    leva blusa falangista de terra e armas, ben pode
    e boina de requeté. con todo o folgo berrar
    o seu fusil, a súa gaita, “Terra a Nosa”, que é decir
    e para achantar ao marxista que Galicia vai trunfar
    o pulso rexo, outa a vista, por España e pola causa
    peito duro e moita fé. do Goberno Nacional.
    (…) (…)

  3. Conto do pai, do fillo e do burro

    (Resposta ao Manifesto para humanizar as Letras Galegas, antes chamado Manifesto para perder amigos nacionalistas, escrito por X. Ricardo Losada)

    Contábame o meu tío Manolo que o seu pai, meu avó, gostaba de sentar á porta da casa, nun dos asentos de pedra da entrada, á fresca da viña, por ver os veciños e as mulleres pasar e el poder rexoubar.
    Así , coa alusión ás rexoubas do meu avó, daba sempre inicio tío Manolo aos contos que me contaba para que eu aprendera a andar pola vida. Os seus contos viñan da sabedoría popular, como os contos d@s grandes escritor@s que algunha vez foron ou que hoxe queren ser. Nun deses contos aprendín que cousa era o servilismo e como as persoas asoballadas tenden ao conformismo. Non foi doado para min concluír que as que queremos pensar por nós mesmas debemos rebelarnos contra o poder establecido, contra o “politicamente correcto”, contra a opinión maioritariamente publicada, a miúdo parapetada tras o calificativo de “democrática”.
    Un deses contos (que para min sempre foi o Conto do pai, do fillo e do burro) atopeino moitos anos despois, estudando Filoloxía Hispánica en Compostela, entre os contos que Patronio lle contaba ao Conde Lucanor. Pero a min sempre me gustou máis a versión do meu tío Manolo.
    Sentado o teu avó á porta da casa –dicíame o meu tío-, disposto a rexoubar, viu pasar un pai e un fillo cun burro. Preguntoulles onde ían e por que razón, se o burro ía sen carga, non deixaba o pai que o fillo fose sentado no burro. Ao alonxárense de onda o teu avó, o pai preguntoulle ao fillo que opinaba e o fillo respondoulle que o teu avó tiña razón, que para que querían o burro senón para descansaren eles.
    Non pasaran dúas horas cando pai e fillo volvían polo mesmo camiño. Entón, o teu avó dirixiuse ao fillo, que desta volta ía sentado no burro, para dicirlle que era un mal fillo por permitir que o seu pai, maior, fora andando, mentres el ía comodamente sentado. Ao deixar o teu avó atrás, o pai preguntoulle ao fillo que lle parecía o que dixera o vello e o fillo volveu darlle a razón; así que, baixou do burro e invitou o pai a subir nel.
    Á tardiña, pai e fillo tiveron que volver á leira na que non acabaran de faenar pola mañá, así que de novo pasaron por diante do teu avó, que ao ver o fillo camiñando, espetoulle ao pai que non debía tratar así o fillo, que o rapaz debía descansar sentado no burro. Cando se alonxaron, o pai preguntoulle ao fillo que lle parecía a nova proposta do vello rexoubeiro e o fillo volveu concordar coa opinión do teu avó.
    Á tardiña, de regreso da labranza, volveron atopar o vello á porta da casa. Viñan os dous sentados no burro. Nin tempo a un saúdo lles deu teu avó para berrarlles que eran uns animais, que ían acabar coa pobre besta. Pai e fillo baixaron de inmediato. E, novamente, o pai preguntou ao fillo que lle parecía o conto do vello. E o fillo voltou responder que tiña razón, que o que debían facer era levar entre os dous o burro ao lombo…
    O conto de don Juan Manuel non remata aquí, pero meu tío Manolo paraba aí e entón preguntabame: E logo, ti que farías, nena? A nena non tiña nin idea, pero estaba segura que a última opción só a escollerían os parvos.
    Lendo o artigo de Ricardo Losada, así é como se sente esa nena, hoxe xa medrada. Parva.
    Sostén o autor, ante a decisión da RAG de adicarlle a Filgueria Valverde as Letras Galegas, que un demócrata debería celebralo, polo feito de que haxa opinións distintas. O cal ven sendo algo así como aceptar que “en democracia vale todo”. Pois eu coido que non, en democracia non vale todo. Valorar e respectar o pluralismo non é sinónimo de valorar e respectar todas as ideas nacidas da condición humana. Houbo quen quixo concederlle a Hitler o Nóbel da Paz, pero, lonxe de divulgar este feito, a devandita nominación desapareceu da historia dos Nóbel por arte de maxia. Acaso, se a Hitler lle deran o Nóbel da Paz, celebrariamos o galardón?
    Estudamos, desde unha perspectiva histórica a Hitler ou a Franco, desde unha perspectiva literaria a Marinetti, desde unha perspectiva artística a Dalí, desde unha perspectiva filosófica a Heidegger… pero, precisamente porque somos demócratas, non os honramos; porque unha cousa é saber e outra celebrar, unha cousa é informar e outra ben distinta homenaxear. Non se nos ocorre exixirlle a un demócrata xudeu que colabore na dinamización da obra do antisemita Heidegger. En nome, pois, de que democracia se lle exixe a unha persoa galega, herdeira das vítimas do franquismo, homenaxear a un franquista que colaborou na purga das escolas en que impartiran docencia os seus mortos?
    Sostén o autor que, se esas ideas distintas nacen nunha institución como a RAG, legal e lexitimamente constituída, debemos aceptalas e valoralas, tanto se nos gustan como se non, sobre todo se somos representantes dunha entidade, organismo ou departamento público. O cal ven sendo algo así como aceptar que “ser demócrata consiste en tragar con todo”. Pois eu coido que non, ser demócrata non significa ser servil. Hai dous mil cincocentos anos naceu en Atenas a democracia froito dunha actitude revolucionaria, rebelde contra a orde establecida: a procura dunha orde política autónoma, non dada pola divinidade, que fora a premisa até ese momento. Mais esa primeira democracia non supoñía realmente o “poder do pobo”, senón da cidadanía. Escravos e mulleres ficaban fóra dese concepto de cidadanía. Escravos e mulleres deberon rebelarse contra o poder establecido para que a democracia medrara e se parecera ao que hoxe entendemos por ser demócratas. Tería eu, demócrata confesa, como muller que son, a posibilidade de participar no xogo democrático se moitas outras antes ca min non cuestionaran ese poder establecido que Ricardo Losada sinala que debemos defender como intereses comúns democraticamente establecidos? Eu coido que non, que ser demócrata non só non consiste en acatar o poder establecido, senón que exixe a quen presume desa condición ir sempre, como reclamaba Manuel Antonio, máis alá!
    Sostén o autor que, se un profesor cre que na súa aula ou no seu departamento pode facer o que lle pete, (…) non admite máis cualificativo político que o de neoliberal. O cal ven sendo algo así como que a min, por non celebrar nin homenaxear a Filgueira Valverde e sendo unha anticapitalista confesa, me cualifique de “seguidora dun modelo económico liberal, contrario á intervención do Estado e, polo tanto, contrario a garantir unha maior xustiza social”. Non ten pés nin cabeza. Imaxino que o adxectivo “neoliberal” quixo ocupar o lugar que habitualmente se lle concede ao termo ”facha” (sinónimo aquí de “totalitario”) pois popularmente acostuman ir da man.
    Que calquera docente, responsable dun departamento ou parte dun equipo directivo non tivese a ben neste maio de 2015 festexar a figura de Filgueira Valverde non significa que non abordase tal figura nas súas aulas, que non propuxese como traballo de investigación a figura do insigne franquista. Outra cousa ben distinta é que se prestase a colaborar na dinamización da súa figura e da súa obra. Obra inxente, segundo recollen as crónicas laudatorias, mais da que seguramente moi poucos serían quen de dar tan só un título. Eu podo agasallalos cun poema seu…

    Ao gaiteiro neste ano E lembrándose que FRANCO,
    xa non hay quen o resista: o Caudillo, o seu irmán,
    leva blusa falangista de terra e armas, ben pode
    e boina de requeté. con todo o folgo berrar
    o seu fusil, a súa gaita, “Terra a Nosa”, que é decir
    e para achantar ao marxista que Galicia vai trunfar
    o pulso rexo, outa a vista, por España e pola causa
    peito duro e moita fé. do Goberno Nacional.
    (…) (…)

    E, se o poema non nos agrada, non está neses versos a razón de que unha caterva de galegos e galegas escolleramos o silencio ante a figura homenaxeada nas Letras Galegas. Non están nos seus versos as miñas razóns, senón nas súas obras. Filgueira acomodouse sempre ao sol que mellor lle quentaba; segundo Castelao, era dun “oportunismo inmoral”. Talvez por iso non supuxo para o rianxeiro sorpresa nin decepción que Filgueira se incorporase, desde o Galeguismo, ao aparello político franquista, que empezou a súa andaina fusilando a Alexandre Bóveda, mentres o autor homenaxeado nas Letras 2015 ollaba para outro lado. Filgueira Valverde formou parte da Comisión de Depuración de Bibliotecas, retirando das escolas, por exemplo, Aires da miña terra, de Curros Enríquez. Fíxose cargo da Depuración do Maxisterio Pontevedrés, que purgou os mestres republicanos. Ocupou a dirección da Delegación Provincial do Xulgado Superior de Revisións, encargado de revisar as sancións, a partir das cales a poboación debía asimilar obrigatoriamente a ideoloxía nacional católica. Foi alcalde de Pontevedra e procurador das Cortes, o que supuña pertencer á elite da política franquista.
    Outros franquistas, falanxistas ou simpatizantes do Movemento foran homenaxeados antes que Filgueira polo Día das Letras (Noriega Varela, Vicente Risco… mesmo Cunqueiro), pero ningún deles foi colaborador necesario do réxime, ningún deles desempeñou gobernamentalmente responsabilidade ningunha durante o réxime. Filgueira, si. Cales son as razóns, pois, para a celebración? Que fora cofundador do Partido Galeguista, aglutinador do nacionalismo galego da época?, que participase na fundación do Museo de Pontevedra e do Seminario de Estudos Galegos? ou que escribise boa parte da súa obra en galego? Son estas razóns abondas para sacar a Filgueira das aulas, levalo aos corredores e renderlle homenaxe? Eu coido que non. Creo que, pola contra, son razóns para que algúns demócratas protestemos servíndonos do silencio fóra da aula, colaborando así a xerar un ambiente de polémica e insubmisión arredor da, en palabras de Suso de Toro, perversa decisión académica.
    Finalmente, xa non sostén pero sostivo o autor que o seu escrito era un manifesto para perder amigos nacionalistas (será por iso que a imaxe da estreleira que acompaña o artigo leva a estrela tinxida de negro?). O cal ven sendo algo así como que a min e a todo o profesorado que non colaboramos na homenaxe a Filgueira Valverde nos considere “nacionalistas”, mediante un siloxismo, como todos, simplista:
    Premisa 1: O nacionalismo galego négase a homenaxear a Filgueira.
    Premisa 2: Parte do profesorado galego silencia a figura de Filgueira.
    Conclusión: O profesorado que se nega a celebrar as Letras Galegas 2015 é nacionalista.
    Así, queda elaborado o sofisma arredor do termo “nacionalista” como se dun insulto se tratase, pois o termo non leva o adxectivo necesario para converterse nun concepto politicamente adecuado, pois só por confrontación co nacionalismo español ten sentido o recurso a esa ideoloxía política, saco no que pretende meternos a todos e a todas as que protestamos, como demócratas, co noso silencio, contra a elección do franquista Filgueira pola RAG para as Letras Galegas 2015.
    Será consciente o compañeiro Losada de que algunhas de nós levamos toda a nosa vida loitando contra o prexuízo que, interesada e perversamente dirixido desde o poder establecido, busca identificar “ideoloxía nacionalista galega” con docente de galego ou responsable dun Equipo de Normalización ou, por extensión, coa lingua galega? Eu coido que non. Por iso non se para a pensar (ou talvez si?) en que se erixiu nun amplificador ao servizo da propagación dese prexuízo, tan nefasto para a normalización da lingua propia de Galicia.
    O meu tío Manolo acababa o seu Conto do pai, o fillo e o burro dicíndome o mesmo que Patronio aconsellaba ao seu señor, o conde Lucanor:
    Debes estar segura de que nunca harás algo que todos aprueben… No dejes de hacer algo por temor al qué dirán, a menos que sea algo malo, pues es cierto que la mayoría de las veces la gente habla de las cosas a su antojo, sin pararse a pensar en lo más conveniente.
    Como poderá concluír o compañeiro Losada, non serei eu quen cargue co burro ás costas.

    Sofia Rama
    30 de xuño de 2015

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>