Román Arén. Acabo de reler o libro de relatos Saturno tamén é deus (1997), co que a súa autora e amiga, Uxía Casal, me agasallou. Un libro que se publicou por Galaxia na colección Descuberta de Galaxia e que non tivo o eco que merecía. Habería que falar noutra ocasión por que fracasou esta colección de peto e tamén a dirixida aos mozos Sete Mares, o mesmo que a colección de peto de Xerais. É unha interesante cuestión de socioloxía literaria. Este volume contén trece relatos, de boa factura, que teñen un denominador común: o fracaso en todas as súas variantes, o medo, a anguria, a morte, o descoñecido. Ningún dos relatos leva o título do libro e eu, que me intereso sempre polos paratextos, fíxome niso xa que como primeiro interrogante, pois sei da dificultade de atopar un bo título, facer de “microcosmos”, de ámago do conxunto. Penso que neste caso Uxía Casal o logrou, pois Saturno é o símbolo do tempo, da fama devoradora da vida, que consome todas as súas criaturas, mais tamén da insuficiencia de calquera existencia incluída no tempo. Saturno, o devorador dos propios fillos, é a actividade, o dinamismo lento, implacable, como a vida.
Saturno crea e destrúe, é unha deidade andróxina que Stienon consideraba o símbolo da limitación da vida. E o libro de Uxía amosa o fracaso de moitas vidas, a violencia, os soños frustrados. Pero é verdade tamén que, como deidade andróxina, é tamén o símbolo da volta á Idade de Ouro, como ben amosa a coñecida bucólica IV de Virxilio: “iam redit et Virgo, redeunt Saturnia regna”: volve a Virxe de nou e outra vez o imperio Saturnio” (que Carlos Villar me dispense a mala tradución).
No libro o meu relato preferido é “E soaron catro badaladas”, que reflicte moi ben a violencia de xénero, mesmo con sarcasmo. (Noutros relatos paira a sombra cortaziana, é dicir, o descoñecido no mundo cotián. Ben merecía o conxunto unha reedición e unha lectura máis atenta da crítica.
Carlos Villar na intimidade chámame Peke porque creo que para el son unha humana amable ou querible. Cando unha escribe ficción pretende -creo- resultar verosímil. Non teño sorte, a pesar de que non escribo mal- cos lectores ou, mellor dito, con este mercado en que se converteu a literatura. Sen acritude, por favor. Hai tantos factores que inflúen que eu non podo atender.